Seminarios 2023: Novas ferramentas para facer antropoloxía hoxe

A AGANTRO, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza catro obradoiros que se van desenvolver entre o 5 de setembro e o 20 de outubro de 2023, de forma presencial, nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

Vivimos tempos convulsos que demandan novas formas de implicación. A aceleración da mudanza social e a incerteza de enfrontarse a novas realidades e a novos retos culturais e sociais fan que nos preguntemos sobre a limitación dos métodos de investigación tradicionais da antropoloxía para aproximarnos a fenómenos relativamente recentes, como, por exemplo, a dixitalización. Neste contexto faise necesario facer unha chamada á experimentación etnográfica para tentar atopar novas formas de facer etnografía que permitan afrontar os novos desafíos.

É por isto que, seguindo a senda iniciada xa hai uns anos a prol da formación antropolóxica, pomos en marcha esta cuarta edición dos nosos seminarios con fin de avanzar nestas liñas e de pór ao dispor das persoas participantes coñecementos e exemplos prácticos de como a antropoloxía, a través da etnografía, pode achegar o seu coñecemento e utilidade á sociedade actual.

Os Seminarios Formativos da Agantro 2023 achegan o debate sobre a necesaria transformación dos modos de indagación antropolóxica na contemporaneidade. O desenvolvemento de modalidades de investigación dixital, a apertura cara a etnografías sensoriais ou a exploración da multimodalidade na representación antropolóxica veñen anovar a investigación etnográfica. Estes seminarios, deseñados na modalidade duns obradoiros eminentemente prácticos, pretenden ofrecer unha mostra dalgunhas das múltiples ferramentas e experimentacións etnográficas desenvolvidas pola antropoloxía nos últimos tempos.

A estrutura da oferta didáctica artéllase en base a catro seminarios distribuídos en 4 sesións formativas. O primeiro cunha duración de 6 horas e os demais de 3 horas. Están dirixidos a estudantes, docentes, profesionais das ciencias sociais e a todas as persoas interesadas en recibir formación no campo da antropoloxía e, especificamente, no da etnografía.

É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Os obradoiros serán impartidos de xeito presencial.

Deixar unha resposta