SEMINARIOS SOBRE ANTROPOLOXÍA DA SAÚDE “Etnomedicina, coidado e benestar social”
A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego, e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza oito seminarios formativos que se van desenvolver ao longo dos días 8 e o 15 de outubro de 2022, de forma tanto presencial, no Museo do Pobo Galego, como online.
Nestes tempos das sociedades globais, onde o concepto pandemia e a súas consecuencias está en boca de todos, faise máis palpable que nunca a necesidade de reflexionar sobre o que significa a saúde e cales son as implicacións sociais, culturais ou económicas da súa xestión e salvagarda. Cada sociedade ten o seu propio sistema cultural de saúde malia que os temores básicos que axexan a vida do ser humano son comúns a todas as culturas e a todos os tempos. A enfermidade, a morte, a pobreza e as súas consecuencias, o sufrimento ou as calamidades que poden pór en perigo a nosa subsistencia son obxecto de atención destes sistemas culturais de saúde que intentan mitigar eses factores que poden condicionar o noso benestar físico, mental e social, e, por tanto, a nosa saúde. A Antropoloxía da Saúde busca entender como cada cultura e como en cada tipo de sociedade as persoas buscan un equilibrio emocional e un modo de vida saudable para o que investiga os procesos sociais e as súas representacións culturais na saúde, a enfermidade e as prácticas de atención ou asistencia relacionadas con ela.
Desde a AGANTRO queremos, con estes seminarios, contribuír a sensibilizar sobre a crecente necesidade de suscitar un maior nivel de coñecemento e conciencia sobre a importancia da saúde do ser humano en todas as súas dimensións, tanto biolóxicas como culturais ou sociais. É por isto que, continuando a senda a prol da formación iniciada en 2021, pomos en marcha esta terceira edición dos nosos seminarios con fin de avanzar nestas liñas e de pór ao dispor dos e das participantes coñecementos e exemplos prácticos de como a etnomedicina, a biomedicina, as diferente formas de coidado e o benestar social son vías esenciais para a saúde física, mental e social dos individuos e das nosas sociedades.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Inscrición aquí. Os seminarios serán impartidos de xeito presencial, aínda que serán emitidos en paralelo online, na plataforma Jitsi (as instrucións de conexión enviaranse no mesmo día do seminario con suficiente antelación).
INSCRICIÓNS PECHADAS
Para máis información: agantro@gmail.com
Programa
8 DE OUTUBRO
- 10h. “Que volva ao seu lugar: Ritual para curar a paletilla caída. Procesos de complementariedade e ruptura entre a eficacia simbólica e a eficacia terapéutica”.
- Docente: Lidia Mariño Ventoso (Diplomada en Fisioterapia. Estudante do Grao de Antropoloxía Social e Cultural)
- 12h. “O proceso de cambio social e a súa influencia na etnomedicina galega”.
- Docente: Rafael Quintía Pereira (Antropólogo. Profesor titor de antropoloxía na UNED)
- 16:30h. “Herbas e herbaxeiras do Caurel. Un achegamento á etnobotánica aplicada á saúde”.
- Docente: María Moure de Oteyza (Licenciada en Farmacia)
- 18:30h. “Saúde e violencia institucional. Ferramentas para realizar acompañamentos en casos de violencia de xénero”.
- Docente: Iria Vázquez Silva (Profesora de socioloxía da UVigo, mestrada en Estudos de Xénero)
15 DE OUTUBRO
- 10h. “Saúde emocional, un privilexio ao noso alcance?”.
- Docente: Rocío Ovalle (Coach, docente e profesional do terceiro sector)
- 12h. “Unha mirada feminista á saúde mental”.
- Docente: Guadalupe Jiménez-Esquinas (Profesora de antropoloxía na USC)
- 16:30h. “Transmisión e Saber Maternal Arte-San en Galicia: Parteiras, nais e amas de cría”.
- Docente: Ana Filgueiras Rei (Arqueóloga. Profesora titora de Historia na UNED)
- 18:30h. “A medicina popular interpretada”.
- Docente: Xosé R. Mariño Ferro (Antropólogo, Doutor en Filosofía e letras e profesor xubilado de antropoloxía na USC)