Seminarios Formativos da AGANTRO – 2023

Novas ferramentas para facer antropoloxía hoxe

A AGANTRO, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza catro obradoiros que se van desenvolver entre o 5 de setembro e o 20 de outubro de 2023, de forma presencial, nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

Vivimos tempos convulsos que demandan novas formas de implicación. A aceleración da mudanza social e a incerteza de enfrontarse a novas realidades e a novos retos culturais e sociais fan que nos preguntemos sobre a limitación dos métodos de investigación tradicionais da antropoloxía para aproximarnos a fenómenos relativamente recentes, como, por exemplo, a dixitalización. Neste contexto faise necesario facer unha chamada á experimentación etnográfica para tentar atopar novas formas de facer etnografía que permitan afrontar os novos desafíos.

É por isto que, seguindo a senda iniciada xa hai uns anos a prol da formación antropolóxica, pomos en marcha esta cuarta edición dos nosos seminarios con fin de avanzar nestas liñas e de pór ao dispor das persoas participantes coñecementos e exemplos prácticos de como a antropoloxía, a través da etnografía, pode achegar o seu coñecemento e utilidade á sociedade actual.

Os Seminarios Formativos da Agantro 2023 achegan o debate sobre a necesaria transformación dos modos de indagación antropolóxica na contemporaneidade. O desenvolvemento de modalidades de investigación dixital, a apertura cara a etnografías sensoriais ou a exploración da multimodalidade na representación antropolóxica veñen anovar a investigación etnográfica. Estes seminarios, deseñados na modalidade duns obradoiros eminentemente prácticos, pretenden ofrecer unha mostra dalgunhas das múltiples ferramentas e experimentacións etnográficas desenvolvidas pola antropoloxía nos últimos tempos.

A estrutura da oferta didáctica artéllase en base a catro seminarios distribuídos en 4 sesións formativas. O primeiro cunha duración de 6 horas e os demais de 3 horas. Están dirixidos a estudantes, docentes, profesionais das ciencias sociais e a todas as persoas interesadas en recibir formación no campo da antropoloxía e, especificamente, no da etnografía.

É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Os obradoiros serán impartidos de xeito presencial.

INSCRICIÓNS PECHADAS

Para máis información: agantro@gmail.com

Programa

5 DE SETEMBRO Obradoiro de Experimentación Etnográfica | Lugar: Escola Enxeñaría Náutica, A Coruña [PRAZAS XA CUBERTAS]

Espazo para debater e ensaiar as múltiples modalidades de experimentación etnográfica que se desenvolven na nosa contemporaneidade, con especial atención a proxectos de antropoloxía dixital. Os participantes poderán compartir, se así o desexan, os seus traballos empíricos e expor as problemáticas metodolóxicas, teóricas ou éticas que emerxen neles. Estes traballos serán discutidos no obradoiro. A proposta combina dúas sesións maxistrais de carácter teórico, onde se debaterán problemáticas antropolóxicas relevantes, cun obradoiro de carácter práctico no cal se abordará a discusión de investigacións en curso propostas polas persoas participantes.

  • Horario:
    • 10h-11.30: Experimentación etnográfica: como facer preguntas relevantes?
    • 12h-13.30: Remediacións etnográficas e a política da invención antropolóxica.
    • 16h-17.30: Presentación de traballos en curso. Traballo en grupo.
    • 18h-20.00: Inventariado de dispositivos etnográficos.
  • Docentes: Adolfo Estalella, Departamento de Antropoloxía Social e Psicoloxía Social, Universidade Complutense de Madrid, e Isaac Marrero Guillamón, Departament d’Antropologia, Universitat de Barcelona.

6 DE OUTUBROObradoiro de autoetnografía feminista | Lugar: Ateneo Ferrolán, Ferrol

Neste obradoiro achegarémonos á autoetnografía como método experimental da análise antropolóxica. Incorporando reflexións e saberes dos feminismos, a facilitación de grupos e os procesos de creación artística, aproximarámenos a esta técnica abordando o tema dos coidados como punto de partida. Trátase dun espazo práctico e vivencial, para o que non se precisan coñecementos previos de ningunha das disciplinas coas que traballaremos.

  • Horario: 17:30h-20:30h
  • Docente: Olga Romasanta Iglesias, socia de Rexenerando S. Coop. Historiadora da arte especializada en facilitación de grupos e memoria colectiva.

13 DE OUTUBROObradoiro de escrita creativa | Lugar: Museo do Pobo Galego, Compostela. [PRAZAS XA CUBERTAS]

Este obradoiro está concibido como un espazo de creación e reflexión ao redor da literatura e da propia escrita fora dos marcos hexemónicos establecidos. Desde unha reflexión feminista ao redor dos textos, falaremos de privilexios, interseccionalidade e da responsabilidade que implica o lugar da escrita e a súa recepción.

  • Horario: 17h-20h
  • Docente: Andrea Nunes Brións, poeta, mestra e activista transfeminista, pola diversidade sexual e corporal.

20 DE OUTUBROObradoiro: Auralidade e escoita etnográfica. A creación sonora no contexto da antropoloxía | Lugar: Incipit, Santiago de Compostela.
[PRAZAS XA CUBERTAS]

Se ben parte do traballo de investigación e observación no proceso etnográfico sempre descansou en aspectos que superan as manifestacións visuais, a atención á dimensión sonora centrouse, principalmente, en cuestións como a oralidade ou en manifestacións culturais audibles ben tipificadas, como a música. Porén nos últimos anos vense desenvolvendo unha sensibilidade cara a eses outros sons non intencionados que conforman o que se deu en definir como paisaxe sonora, entrando en consideración a cuestión da auralidade, entendida como unha forma máis de transmitir e construír valores culturais a través da escoita. Partindo de diferentes exemplos e exercicios prácticos, este obradoiro será unha introdución a estas cuestións así como á práctica do documental sonoro etnográfico.

  • Horario: 17h-20h
  • Docente: Xoán-Xil López, investigador e artista sonoro.