III Congreso de Antropoloxía de/desde/en/para Galiza – 2020

Por mor dos últimos acontecementos relacionados co COVID-19 vémonos na obriga de pospoñer o III Congreso Agantro ata nova data. Anunciarémola tan pronto se fixe. Agradecendo o voso tempo e comprensión. Saúde.

Estamos organizar o terceiro congreso Agantro co obxecto de que se convertan nunha cita anual e sirvan de plataforma de encontro para persoas dedicadas á antropoloxía, coa esperanza de acrecentar a nosa presenza e visibilidade na sociedade.

Deste xeito, o III Congreso de Antropoloxía de/desde/en/para Galiza procura, en primeiro lugar, tecer redes inter e intradisciplinarias e potenciar espazos para a conexión, o diálogo e a escoita de diferentes propostas e traballos, tanto xa desenvolvidos como en proceso, así como a creación de sinerxías e estratexias para fortalecer a antropoloxía na Galiza. Nestes últimos anos celebramos encontros en Santiago e en Ferrol e no ano 2020 celebramos o terceiro congreso na Fundación Vicente Risco de Allariz, un lugar emblemático para a antropoloxía galega e tamén como forma de honrar a figura de Vicente Risco e o seu papel na antropoloxía galega e a Xeración Nós.

A segunda idea deste congreso é reflexionar arredor do pasado e do presente da antropoloxía nun lugar tan vencellado á historia da nosa disciplina como é Allariz e da man da Fundación Vicente Risco, gran aliada no fortalecemento da antropoloxía galega. Serán benvidas presentacións sobre o papel que tivo e que ten a antropoloxía en Galicia, os distintos percorridos disciplinarios, as mudanzas temáticas, os novos retos que enfrontamos, así como as adaptacións aos cambios e as análises propostas das transformacións socio-culturais.

Contacto e máis información: agantro@gmail.com / https://www.facebook.com/AGANTRO/

Programa provisional

  • 9:30: Recepción dos participantes.
  • 10:00: Inauguración.
    • Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia) (por confirmar).
    • Cristina Cid (Alcaldesa de Allariz) (por confirmar).
    • Luís Risco (Presidente da Fundación Vicente Risco).
    • Manuel Luís Tibério (Presidente da Escola de Ciências Humanas e Sociais da UTAD) (por confirmar).
    • Cristina Sánchez-Carretero (Presidenta de Agantro).
  • 10:15: Conferencia de abertura – Dueto: “Da antropoloxía da Xeración Nós aos nosos días” | Xosé Manuel González Reboredo / Bibiana Martínez Álvarez.
  • 11:00: Comunicacións e debate.
  • 12:15: Pausa – café .
  • 12:30: Comunicacións e debate.
  • 14:00: Almorzo.
  • 15:30: Comunicacións e debate.
  • 17:00: Mesa redonda sobre a relación entre Antropoloxía e Ciencias Sociais. Modera: Cristina Sánchez Carretero (Incipit CSIC). Participan: Carmen Lamela (UDC), Rubén Lois (USC), Elías Torres (USC), Alexandre García Caballero (Psiquiatra, CHOU Ourense), José María Cardesín (UDC).
  • 18.15: Asemblea Xeral de Agantro.
  • 19:30: Visita guiada pola sede da Fundación Vicente Risco.
  • 20:00: Momento musical e petiscos.
  • 21:00: Cea.

Comunicacións e Participación

As persoas interesadas na participación e presentación dos seus traballos deberán enviar antes do 25 de marzo de 2020 unha proposta de título e un resumo de non máis de 100 palabras a través da ligazón: https://forms.gle/QY8iLndDv1C5dUP59

Nota: Non é necesario presentar comunicación, póster ou audiovisual para participar no congreso, nin tampouco ser de Agantro. Para recibir certificado de participación é necesario asociarse á Agantro (información aquí).