1. Declaración de principios
Este protocolo ten como obxectivo manter e promover un espazo seguro para as persoas que participan nos congresos da ASAEE. Trátase de espazos libres de acoso e de violencias machistas, onde non se tolere ningún tipo de discriminación por motivos de sexo, xénero ou orientación sexual. A través deste protocolo preténdese, por tanto, establecer medidas necesarias para evitar tales vulneracións de dereitos humanos.
Este tipo de violencias sostéñense nunha estrutura social baseada en relacións de xénero e xerarquías de poder asimétricas, que afectan a mulleres e a outras persoas consideradas “non normativas”, manifestándose, así mesmo, de maneira interseccional (distintas idades, procedencias culturais, clases sociais e niveis educativos, en distintas contornas). Por tanto, o contexto dos congresos de ASAEE tamén se pode ver afectado polas violencias machistas. A partir da desigualdade estrutural, non se trataría só dun problema individual das persoas que o sofren, senón dun problema estrutural e político que corresponde a todos e todas solucionar.
As violencias machistas vulneran os dereitos humanos, atentando contra o dereito á igualdade e á integridade física, psíquica e á dignidade das persoas. Desde esa idea, a ASAEE non tolera as actitudes e as diversas manifestacións de violencias machistas. En consecuencia, o presente protocolo aplicarase ante as violencias machistas que poidan xurdir no conxunto da actividade congresual. Tanto a ASAEE como as persoas asociadas toman o compromiso de previr e afrontar ese tipo de condutas de maneira firme e contundente. No caso de que sucedesen as ditas situacións, facilitarase axuda e asistencia ás persoas cuxos dereitos fosen vulnerados, poñendo os medios que sexan necesarios en cada caso. Así mesmo, sancionarase as persoas responsables, en función dos feitos, e tomando en consideración a normativa internacional e estatal.
2. Proceso de elaboración do protocolo
O procedemento para elaborar este protocolo parte da proposta da Comisión de Asociacións que xorde na época do cambio do que era a antiga FAAEE. Neste proceso houbo diferentes fases para que as tres comisións da ASAEE, a Comisión de Asociacións, Comisión Académica e Comisión Profesional poidan facer contribucións e revisións do documento. Desta maneira, votouse por un documento final elaborado en diálogo e consenso.
CAPÍTULO I: OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN E DEFINICIÓN DE CONCEPTOS
ARTIGO 1. OBXECTO
O obxecto deste protocolo é establecer os mecanismos que permitan identificar a existencia de posibles casos de acoso sexual e de acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero nos congresos da ASAAE, e adoptar as medidas correctoras e preventivas adecuadas para resolver as situacións mencionadas dentro do ámbito da propia institución, sen prexuízo de que a persoa afectada opte, así mesmo, por outras vías administrativas ou xudiciais diferentes desta.
ARTIGO 2. ÁMBITO DE APLICACIÓN
Este procedemento aplícase a todas as persoas que estean a participar no congreso: asistentes, relatores, persoal (contratado ou voluntario), membrxs de comisións da ASAEE e persoal das empresas externas contratadas pola ASAEE e que presten os seus servizos durante o congreso, tanto en espazos e momentos “oficiais” dos congresos, como tamén noutros espazos e momentos “informais” relacionados co congreso. Contornos públicos, e/ou espazos invisibilizados onde puidese exercerse e considerarse calquera tipo de violencia contra as mulleres e/ou diversidade sexual.
Consideramos que este protocolo é compatible co protocolo que poida existir na universidade que sexa sede do congreso. Cando sexa necesario activar este protocolo informarase a unidade de igualdade da universidade sede do congreso por se é necesario levar a cabo acciones conxuntas.
ARTIGO 3. DEFINICIÓN DE CONCEPTOS
Entendemos por violencias machistas todas aquelas formas e actos de control, acoso, abuso, agresión, rexeitamento, imposición directa, estrutural e simbólica que se dirixe contra as persoas que incumpren a heteronormatividade do sistema sexo/xénero/sexualidade, e contra quen, sen transgredilo, son o obxecto que soporta as relacións de poder implícito nel, é dicir, as mulleres”, na súa gran maioría, (Norma Foral 2/2015 Art.51.1), e outros colectivos non normativizados. A violencia machista abarca o abuso, o acoso, a agresión e todo tipo de violencia sexual e tamén outras formas de violencia machista como a transfobia, lesbofobia e homofobia.
Entendemos por violencias sexuais todo acto (con contacto ou sen el) de carácter sexual non desexado.
Consideramos que o acoso e as violencias por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero son calquera comportamento levado a cabo en función do sexo, a orientación sexual, a identidade de xénero ou a expresión de xénero dunha persoa, co propósito ou efecto de atentar contra a súa dignidade, integridade física e/ou psíquica e crear un contorno intimidador, degradante e/ou ofensivo.
A falta de intencionalidade por discriminar é irrelevante á hora de ditaminar se un acto é discriminatorio ou non, xa que o fundamental destes tipos de acoso é o impacto negativo da repercusión que ten o devandito acto sobre a persoa afectada. É dicir, os seus efectos.
Consideraremos como condicións agravantes do abuso a existencia dunha situación de superioridade xerárquica, ademais da reiteración das condutas ofensivas despois de que a persoa agredida realizase os procedementos de información e solicitude de intervención. Atendendo primordialmente á situación de especial vulnerabilidade da persoa afectada.
CAPÍTULO II: MEDIDAS DE PREVENCIÓN
ARTIGO 4. INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN
- As persoas, entidades, asociacións e organismos que integran a Asociación de Antropoloxía do Estado Español ASAEE serán informadas do contido deste protocolo. Para tal fin, o protocolo circulará entre as asociacións integrantes de ASAEE e presentarase nos seus congresos.
- O protocolo incluirase na páxina web da ASAEE e na páxina web das actividades e congresos que organiza.
- O protocolo distribuirase vía correo electrónico a todas as persoas, asociacións e entidades vinculadas á ASAEE, para que o fagan público mediante os medios que consideren máis adecuados.
- Ao iniciarse as tarefas de organización dun congreso, o comité organizador designará un delegado ou unha delegada de Igualdade que participará na Comisión Técnica Asesora responsable da posta en acción deste protocolo e a súa xestión. Este delegado ou delegada actuará como ligazón entre o Punto Lila de atención, queixa e denuncia e esta comisión. O delegado ou delegada de Igualdade terá a obrigación de coñecer o protocolo de actuación contra as violencias machistas da universidade ou entidade sede do congreso e informar da existencia deste protocolo. Así pois, actuará de ligazón entre a Unidade de Igualdade da Universidade e o Punto Lila de solicitude de intervención. Neste protocolo nomearemos esta figura, pero entendemos que as situacións de organización poden ser moi variables, e variadas, polo que cada comité organizativo terá que traballar na súa propia proposta de cara ao congreso: poida que non sexa só unha persoa, senón un equipo. Se non se dispón de persoas con formación, outra posibilidade será a contratación externa de persoal experto na materia.
- Na web de inscrición ao congreso establecerase que o congreso é un espazo libre de acoso, abuso e violencias por motivos sexuais e de xénero xunto a unha casa de obrigada aceptación para poder inscribirse ao congreso.
ARTIGO 5. CONCIENCIACIÓN E CAPACITACIÓN
- Desde a ASAEE e as diversas asociacións, comisións ou entes que participan nela, realizaranse eventos co obxectivo de sensibilizar e formar sobre os mecanismos que reproducen as violencias de xénero. Para iso, impulsaranse actividades como talleres, seminarios e charlas.
- Traballarase na difusión de boas prácticas en materia de prevención de violencias machistas.
ARTIGO 6. MODELOS DE XESTIÓN ORGANIZATIVA
- En cada congreso habilitarase un Punto Lila (que se sume e coordine co Punto Lila e a Unidade de Igualdade que poida existir na institución organizadora), un punto de atención e acollida na páxina web do congreso e un teléfono de contacto para que a atención poida e deba ser rápida e efectiva. As persoas agredidas e/ou abusadas ou aquelas que sexan testemuñas dalgún tipo de acoso contactarán por algún destes medios para informar do suceso.
- A persoa que atenda o Punto Lila, situado na mesa de inscrición, atenderá tamén o punto de atención e acollida da páxina. No momento en que se teña coñecemento da existencia dun posible incidente, activarase o protocolo e notificaráselle ao delegado ou delegada de Igualdade que será quen lle comunicará o caso á Comisión Técnica Asesora en materia de acoso e violencia sexual, por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero da ASAEE. Tomaranse as inmediatas decisións que sexan necesarias como activar inmediatamente o protocolo, o cal supón, dependendo do caso, notificar e darlle aviso ao servizo de seguridade do Estado (policía, Garda Civil), así como á seguridade interna da universidade. Acompañamento da vítima en todo momento a servizos sanitarios e forenses e, en caso necesario, ofrecer atención psicolóxica e/ou xurídica. No caso de agresións graves (nivel 3, véxase o anexo) o delegado ou delegada de Igualdade pode decidir informar antes a policía que a Comisión Técnica Asesora.
- O Comité Organizador do Congreso comprométese a coñecer o protocolo da universidade sede do congreso e ofrecer mecanismos de atención rápidos e eficientes en coordinación coa universidade, se procede.
- Nas avaliacións posteriores á realización dos congresos incluirase todo aquilo que permita previr nos congresos seguintes condutas ou situacións relacionadas con este protocolo.
- Despois de cada congreso, se procede, elaborarase un informe de uso interno para a ASAEE no que se expoña o número de intervencións e as consecuencias das mesmas. Nel expoñeranse estes datos: descrición dos casos de discriminación ou violencias machistas, avaliación realizada, estratexias de intervención expostas e a súa tramitación. Ademais, darase conta de variables etnográficas como: idade, orientación sexual, orixe, etnia, cargo académico, relación coa persoa denunciante etc., co fin de contextualizar mellor o sucedido. De todas as maneiras, tendo en conta a sensibilidade e importancia do proceso e a liberdade e privacidade dos dereitos de intimidade (protección de datos da persoa afectada), baseándose na Lei 3/20183. En cada caso valoraranse e avaliaranse o tipo e datos da información facilitada pola vítima e as persoas actrices do procedemento.
CAPÍTULO III: PROCEDEMENTO DE ACTUACIÓN
ARTIGO 7. GARANTÍAS DO PROCEDEMENTO
O protocolo cumprirá, en todo caso, as seguintes garantías:
- Respecto e protección. Deberase proceder con discreción para protexer a intimidade e a dignidade das persoas afectadas. As actuacións e dilixencias deberán ter lugar co máximo respecto a todas as persoas. Todas as persoas que participan neste procedemento deberán ser informadas do contido deste protocolo e dar o seu consentimento en relación coa súa aplicación.
- Non poderán participar no congreso, sendo excluídas, aquelas persoas que desen lugar á activación do protocolo en congresos anteriores por acosar, abusar ou agredir por motivos de sexo e/ou xénero.
- Todas as consultas ou queixas que se tramiten sobre posibles actuacións de acoso e violencias machistas estarán protexidas polo principio de confidencialidade tanto das persoas implicadas como de todo o persoal que participe de calquera xeito na aplicación do presente protocolo. Nese sentido, preservarase o anonimato das persoas afectadas, participantes no procedemento previsto neste protocolo, xa sexa como instrutoras, asesoras ou ao prestar testemuño. Permanecendo en silencio sobre o caso co fin de preservar a privacidade das persoas implicadas. Non está permitido difundir os documentos relacionados coa denuncia ou coa investigación, salvo no caso de que sexa necesario para iniciar un procedemento xudicial ou administrativo. Este proceso iniciarao a Comisión Técnica Asesora en materia de acoso e violencia sexual e acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero da ASAEE xunto á institución que correspondese, por exemplo, a universidade.
- Dilixencia e celeridade. O procedemento deberá desenvolverse coa debida profesionalidade, eficiencia e sen dilixencias.
- Garantirase unha audiencia imparcial. Toda persoa deberá ser tratada de maneira respectuosa, en termos de igualdade e non discriminación. Todas as persoas que interveñan no procedemento actuarán de boa fe para o esclarecemento dos feitos denunciados.
- Non revitimización. Evitarase a reiteración innecesaria do relato dos feitos e a exposición pública da persoa denunciante e os datos que permitan.
- Evitarase por todos os medios a adopción de represalias contra as persoas que denuncien vivir violencias machistas e, contra as que comparezan como testemuñas ou participen nunha investigación. Teremos especial atención en acoller e atender a persoa que sufriu a agresión e evitar o acoso de segundo grao a quen a acompaña.
PERSOAS QUE PODEN COMUNICAR SITUACIÓNS OBXECTO DE ACTIVACIÓN DESTE PROTOCOLO
- A persoa ou persoas.
- Toda persoa participante no congreso que teña coñecemento directo ou indirecto dalgunha das situacións previstas no protocolo.
No caso de que non sexa a persoa afectada a que comunique a situación de violencia, deberase incluír o consentimento expreso da devandita persoa para iniciar as actuacións deste protocolo. Só en supostos de especial gravidade (nivel 3, véxase anexo) ou cando haxa máis dunha persoa afectada non será necesario o consentimento destas.
As informacións anónimas non serán tramitadas como denuncias, pero si darán inicio a un proceso informativo “de oficio” para aclarar se hai indicios que suxiran a conveniencia de activar este protocolo.
ARTIGO 8. ÓRGANO ENCARGADO DE APLICAR O PROTOCOLO
Comisión Técnica Asesora en materia de acoso e violencia sexual e acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero.Este órgano será unha comisión integrada por dúas persoas do Comité Executivo da ASAEE (por exemplo a presidencia e vicepresidencia) e a persoa designada previamente pola organización do congreso como delegado e delegada de Igualdade para os casos de acoso e violencia machista. No caso de que no congreso non estean presentes dúas persoas do Comité Executivo de ASAEE cumprirán esta función os representantes do comité organizador que participen nalgunha das comisións de ASAEE.
ARTIGO 9. PUNTO LILA DE SOLICITUDE DE INTERVENCIÓN E INICIO DO PROCESO
A persoa ou persoas que vivisen ou vivan algunhas das situacións de acoso e violencias machistas recollidas no presente protocolo poden denuncialas por tres vías:
- Dirixirse ao Punto Lila de acollida e expresar a queixa/denuncia.
- Escribir ao punto de atención e acollida que se habilitará na páxina web do congreso. Nesta páxina web farase visible tanto este protocolo como o punto de atención e acollida, pero non as denuncias.
- Chamar a un teléfono de emerxencias que será publicitado na páxina web e no programa do congreso.
A mesma persoa que atenda o Punto Lila xestionará tamén o punto de atención e acollida da web e o seu traballo será recoñecido mediante un certificado.
ARTIGO 10. INICIO DO PROCEDEMENTO
O procedemento iníciase ao ter coñecemento do incidente por algún dos tres medios habilitados para este fin. O primeiro paso é avisar o delegado ou delegada de Igualdade do congreso que en función da gravidade do suceso decidirá advertir a Comisión Técnica Asesora ou acompañar a persoa ou as persoas que sufriron a agresión á policía e/ou ao hospital.
Esta comisión acollerá e escoitará a persoa ou as persoas afectadas. Tras esa fase de acollida e escoita, realizarase unha primeira valoración do caso. Ao mesmo tempo, procederase á recompilación de información complementaria, coa máxima rapidez e confidencialidade. En caso de ser necesario solicitarase a participación de todas as testemuñas ou outro persoal de interese, se os houbese. Así mesmo, daráselle audiencia á persoa denunciada.
A acollida, escoita e recollida de información ha de realizarse con sensibilidade e respecto salvagardando a dignidade e a integridade da persoa que realiza a denuncia e evitando a reiteración do relato dos acontecementos denunciados, salvo nos casos nos que sexa absolutamente necesario pola tramitación da denuncia en sede xudicial ou policial, ou organismos institucionais que fosen necesarios.
A información recollerase por escrito, de maneira descritiva, non valorativa, e contrastada coa persoa ou persoas afectadas, tendo como fin facilitar a atención ás necesidades das persoas denunciantes e o bo desenvolvemento do proceso de acompañamento e, se é o caso, denuncia. Informarase e asesorarase a persoa ou persoas afectadas sobre os seus dereitos e sobre as opcións que teñen e as accións que poden emprender, así como dos servizos, e recursos internos ou externos á universidade, aos que poden acceder para afrontar a situación, dependendo das necesidades e a demanda particular.
VALORACIÓN INICIAL DA QUEIXA OU DENUNCIA
A Comisión Técnica Asesora para a atención dos casos de acoso e violencias de xénero da ASAEE conxuntamente co comité organizador do congreso, tras realizar unha primeira valoración dos feitos coñecidos sobre as situacións de acoso e violencias de xénero poderá:
- Non admitir a trámite a dita queixa ou denuncia, cando resulte evidente que o exposto non pertence ao ámbito deste protocolo. Deberá manifestarse de forma presencial e por escrito á persoa ou ás persoas afectadas as causas que motivaron a non admisión da denuncia.
- Admitir a queixa ou denuncia a trámite procedendo segundo o previsto neste protocolo. En caso de verse necesario informarase a persoa ou persoas afectadas da conveniencia de adoptar medidas cautelares, naqueles casos en que as circunstancias o aconsellen e particularmente no referido ás agresións incluídas nos niveis 2 e 3.
- Independentemente da valoración inicial que se faga por parte da ASAEE as medidas adoptadas e a última decisión sobre a derivación deste caso a outras instancias institucionais que se crean oportunas dependerá da persoa que sufriu a agresión.
ARTIGO 11. MEDIDAS CAUTELARES
Nos casos de denuncia de acoso e violencias de xénero, se se ve necesario, o Comité Técnico Asesor pode expulsar, preventivamente, a persoa denunciada do congreso e da ASAEE (se é membro individual) ata que o proceso se resolva. En caso de condutas de prevalencia reiterativa contemplaranse medidas máis contundentes e máis radicais (non participación en ningunha das actividades organizadas pola ASAEE e as súas asociacións profesionais asociadas).
ARTIGO 12. FINALIZACIÓN DO PROCEDEMENTO
A Comisión Técnica Asesora para a atención dos casos de acoso e violencias de xénero tras a recollida de información e, tras escoitar as partes afectadas, tras tomar a decisión de admitir a trámite a queixa ou denuncia, elaborará un informe que deberá ir acompañado de toda a información relativa ás actuacións practicadas con recomendacións sobre as accións para levar a cabo. As accións recomendadas comprenderán os seguintes ámbitos de actuación, consensuadas, en todo caso, coa persoa ou persoas afectadas:
- Atención ás necesidades de seguridade da persoa ou persoas afectadas pola situación de violencia.
- Derivación aos servizos externos pertinentes para a atención sanitaria e/ou dos corpos de seguridade da persoa ou persoas afectadas especialmente nas agresións de nivel 2 ou 3.
- Acompañamento na decisión de denuncia, en sede policial ou xudicial, ou outros ámbitos necesarios, se así o solicitase a persoa ou persoas afectadas pola situación de violencia.
- Petición de incoación de expediente académico ou disciplinario e/ou adopción de medidas específicas para corrixir a situación. A interposición de calquera procedemento ante instancias xudiciais, laborais ou doutro tipo, supoñerá a suspensión das ditas medidas.
- Outro tipo de medidas correctivas e reparatorias atendidas as circunstancias do caso. Se a comisión para a atención dos casos de acoso e violencias de xénero considerase que os feitos, sobre os cales tivo coñecemento durante o desenvolvemento de calquera das fases reguladas no presente protocolo, puidesen ser constitutivos de delitos, en virtude da regulación recollida no Código penal, poñeranse en coñecemento da Fiscalía. De igual maneira, se en calquera momento do procedemento se ten constancia de que o feito denunciado puidese ser constitutivo dalgún tipo de falta sancionable pola vía disciplinaria, deberá de poñerse en coñecemento do reitor ou reitora da universidade ou presidencia da institución de acollida do congreso de inmediato.
- Posta ao dispor da persoa ou persoas afectadas do Servizo de Atención psicolóxica e xurídica da universidade.
A Comisión Técnica Asesora elaborará un informe e resolverá a denuncia da persoa ou persoas afectadas, consignando na devandita resolución as medidas correctivas e reparatorias, contidas no artigo anterior, que estima adecuadas e proporcionadas ás circunstancias do caso. Notificarase a dita resolución ás persoas implicadas e á universidade ou outras institucións implicadas.
ARTIGO 13. SEGUIMENTO DO CASO
Correspóndelle á Comisión Técnica Asesora da ASAEE acordar o seguimento e o control do caso, cando o considere necesario.
O procedemento ten unha duración máxima dun mes desde que se presenta a solicitude. Este prazo pódese prorrogar cando sexa necesario, dependendo da complexidade do caso.
ARTIGO 14. ARQUIVO
Logo de que finalice o procedemento e se implementen as actuacións acordadas, remítese todo o expediente á presidencia da ASAEE, para o seu arquivo e custodia segundo a actual Lei de protección de datos.
ARTIGO 15. CONFIDENCIALIDADE
Este procedemento, e a documentación que forma parte del, é confidencial. A obrigación de confidencialidade esténdese a todas as persoas que interveñan no procedemento. De acordo con isto, só as partes implicadas no caso e os membros da Comisión Técnica Asesora en materia de acoso e violencia sexual e de acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero, así como todas as persoas que interveñan no proceso, poderán acceder aos documentos relacionados con este e teñen a obrigación de manter a confidencialidade.
ARTIGO 16. DIFUSIÓN
ASAEE debe difundir a aprobación deste protocolo a través dos medios que considere máis efectivos. Debe levar a cabo esta tarefa de difusión antes e durante os congresos.
ARTIGO 17. AVALIACIÓN DO PROTOCOLO
Ao final de cada congreso a Comisión Técnica Asesora en materia de acoso e violencia sexual e acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero de ASAEE revisará o protocolo e actualizarao, se se considera conveniente.
A nivel orientativo podemos distinguir tres niveis de violencias susceptibles de abordarse no marco deste protocolo:
Nivel 1 | Nivel 2 |
Insultar, apupar, burlas sexistas, xulgar a vida sexo-afectiva, menosprezar o traballo dunha persoa, ridiculizar… | Ameazar, vexacións, facer chantaxe, suxerir represalias académicas ou laborais, comentarios sobre a Aparencia, intimidacións e acoso físicos e explícitos |
Invadir o espazo, intimidar, tocamentos non sexuais non desexados… | Inmobilizar, acantoar, cuspir, tirar do pelo, perseguir, vixiar, axexar… acosar co propósito de someter e atemorizar á vítima, restar e/ou imposibilitar a súa liberdade |
Insinuacións, miradas, comentarios sexuais non desexados, intimidacións e acoso simbólicos | (Acoso sexual): Tocamentos sexuais non desexados, acoso por opción sexual |
Cousificar (utilizar o corpo como reclamo, facer comentarios sobre o aspecto físico etc.), uso dunha linguaxe sexista ou desprezativa | Illar as persoas, burlarse, trato discriminatorio … |
Tipoloxía sacada e adaptada da Lei 05/20084 de ámbito autonómico catalán.
Notas:
*A violencia contra a muller é unha forma de discriminación que impide gravemente o goce de dereitos e liberdades en pé de igualdade co home. É dicir, a violencia dirixida contra a muller porque é muller ou que a afecta en forma desproporcionada. Inclúe actos que inflixen danos ou sufrimentos de índole física, mental ou sexual, ameazas de cometer eses actos, coacción e outras formas de privación da liberdade. A convención aplícase á violencia perpetrada polas autoridades públicas. Eses actos “poden constituír unha violación das obrigacións do Estado en virtude do dereito internacional sobre dereitos humanos ou outros convenios, ademais de violar a convención”. Isto supón recoñecer que se pode discriminar cando debendo aplicar o enfoque de xénero, este se ignora.”
* A violencia contra a muller: 29/01/92, CEDAW, Recomendación Xeral 19
“O xénero fai referencia á construción social do masculino e o feminino, non a certas diferenzas biolóxicas existentes entre mulleres e homes. Cando o xénero se identifica coas diferenzas biolóxicas de mulleres e homes deformase o seu contido e xéranse efectos perversos ou contrarios a aqueles que a categoría xénero pretende. A categoría xénero axúdanos a explicar e comprender as relacións de opresión e dominio, construídas arredor do sexo e a sexualidade, que experimentan as persoas ano ámbito social, xurídico e político. É clarificadora, neste sentido, a Recomendación Xeral n.º 25, do Comité da CEDAW, de 2004, sobre o parágrafo 1. Artigo 4, da convención, onde se di: “O xénero defínese como os significados sociais que se confiren ás diferenzas biolóxicas entre os sexos. É un produto ideolóxico e cultural aínda que tamén se reproduce no ámbito das prácticas físicas; pola súa vez, inflúe nos resultados de tales prácticas. Afecta a distribución dos recursos, a riqueza, o traballo, a adopción de decisións e o poder político e o goce dos dereitos dentro da familia e na vida pública. A pesar das variantes que existen segundo as culturas e a época, as relacións de xénero en todo o mundo entrañan unha asimetría de poder entre o home e a muller como característica profunda. Así pois, o xénero produce estratos sociais e, nese sentido, aseméllase a outras fontes de estratos como a raza, a clase, a etnicidade, a sexualidade e a idade. Axúdanos a comprender a estrutura social da identidade das persoas segundo o seu xénero e a estrutura desigual do poder vinculada á relación entre os sexos*”.
“O espellismo de igualdade entre mulleres e homes que proxecta a igualdade ante a lei, como igualdade formal e abstracta, ten o efecto negativo de valorar como innecesario ou inadecuado o desenvolvemento das normas de dereito antidiscriminatorio e contra a violencia de xénero. Con todo, a igualdade de resultados que implica a igualdade efectiva de mulleres e homes obríganos a garantir e promover:
- A igualdade ante a lei e na aplicación da lei.
- A igualdade de oportunidades.
- A igualdade no uso e goce dos dereitos e liberdades.
Este contido complexo do principio de igualdade e de non discriminación fai do dereito antidiscriminatorio un aliado indispensable, para garantir os dereitos e liberdades individuais en sociedade e para erradicar as relacións de dominio e opresión que nela existen.”
*Nacións Unidas, Estudo Mundial sobre o papel da muller no desenvolvemento, 1999: Mundialización, xénero e traballo. Nova York, 1999, páx. 8.
FONTE:
Ana Louro Castro, Ana (2017) “Facendo real o principio de igualdade. Interpretación xurídica con perspectiva de xénero». Aula Magna. A Nau (Universitat, 2)
Escola Europea de Pensament Lluís Vives
Texto recollido da Asociación de Antropoloxía do estado Español ASSAEE: https://asaee-antropologia.org/asaee/protocolo/
Texto traducido ao galego pola Agantro.