A Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) é unha asociación de profesionais da antropoloxía que foi constituída no 29 de xuño de 1993. Neste período a asociación está inmersa nun proceso de renovación da súa estrutura, estatutos e de reactivación, tomando un novo impulso para loitar por unha antropoloxía que non desexamos que esmoreza.
Agantro ten como obxectivo principal mellorar a profesionalización e desenvolver a antropoloxía, abrindo as canles de comunicación coas administracións, incidindo na inclusión da nosa disciplina naquelas actividades culturais e ofertas de emprego correspondentes á nosa formación. Mais tamén apoiar a posta en valor das múltiples ramificacións da cultura galega e xerar un foro de debate e comunicación no que teñan cabida os diferentes xeitos de entender e practicar a antropoloxía alén da academia, tendendo pontes e fortalecendo as relacións co tecido asociativo que durante tantos anos mantivo viva a investigación e a divulgación.
Como froito destas accións nos últimos anos conseguimos que habilitasen ás persoas con titulación de antropoloxía para a docencia no ensino secundario, a inclusión da antropoloxía nas bolsas de museos e tamén temos canles activos de comunicación coas administracións para informar das nosas posibles funcións e así incluír á antropoloxía noutras convocatorias públicas.
Tamén tratamos de tecer redes e potenciar espazos para a conexión e a comunicación entre as persoas asociadas, pular pola investigación antropolóxica, realizar actividades de divulgación e difusión e visibilizar a relevancia da antropoloxía cara á sociedade. Nesta liña, mantemos unha colaboración estábel dende 2019 coa Mostra de Cinema Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE), que outorga o Premio AGANTRO, selecionado por un xurado composto por persoas associadas; en 2019 participamos na organización do XIV congreso da Sociedade Internacional de Etnoloxía (SIEF) en Santiago de Compostela, co obxectivo de fortalecer a antropoloxia galega e convidar a unhas 1000 persoas asistentes á coñecer o noso traballo; Agantro tamén é parte da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE); en 2023 acollemos o XVI Congreso de Antropoloxía ASAEE na Coruña, onde se xuntarán mais de 700 estudantes e profesionais de toda a península e serán presentadas mais de 450 comunicacións.
Contacto e máis información
- Correo electrónico: agantro@gmail.com
- Facebook: https://www.facebook.com/AGANTRO/