A antropoloxía estuda a diversidade das realizacións socioculturais do ser humano, incluída a emerxencia mesma dos humanos nas súas contornas ecolóxicas. A antropoloxía non está limitada no seu obxecto específico. Toda realidade pertinente para a comprensión do humano pode formar parte do seu campo de investigación. Por iso, as persoas que traballan como antropólogas están habituadas á flexibilidade dos enfoques teóricos. A súa formación consiste normalmente nun corpo de teoría clásica que, progresivamente, vaise especializando nalgunha área concreta de interese. Na actualidade, estas áreas son moitas e moi variadas: procesos económicos, técnicas e tecnoloxías, formas de coñecemento, prácticas lingüísticas, formas simbólicas, políticas, relixiosas, xurídicas, educativas, escenarios corporais e subxectivos, formas de estruturación social segundo diferenzas étnicas, de xénero, etcétera. En calquera destes campos —entre moitos outros—, a antropoloxía tenta ampliar o coñecemento acerca de como os seres humanos producen sociedade e cultura.
Debido ás súas orixes históricas, a antropoloxía é identificada a miúdo como unha ciencia especializada no estudo de sociedades moi diferentes da nosa, «outras sociedades». Con todo —especialmente ao longo das últimas décadas—, os antropólogos chegamos a comprender que tal diferenza conceptual entre «nós» e «os outros» se converte en ficticia, unha vez que aprendemos a manter un adecuado estrañamento do propio. Hoxe a antropoloxía rexeita toda forma de exotismo, pois nada é realmente externo ao seu verdadeiro obxecto considerado do modo máis xeral: a acción social humana situada en concretas contornas de práctica.
A flexibilidade teórica da antropoloxía correspóndese cunha metodoloxía de investigación que é tamén extremadamente flexible. A etnografía baseada en traballo de campo antropolóxico é a marca distintiva da disciplina; así como as súas variantes etnohistóricas, baseadas en documentación. O proceso metodolóxico da etnografía conclúe nun texto narrativo que toma por obxecto acciones e experiencias humanas en contornas concretas. Durante o traballo de campo, a persoa que investiga obtén unha experiencia de comunicación e de participación nos escenarios vitais das persoas que forman parte da investigación. A entrevista, a observación de accións situadas, e a produción de documentos adoitan mencionarse como compoñentes fundamentais desta metodoloxía. En realidade, eses tres compoñentes acollen unha diversidade de técnicas concretas tan ampla e flexible como podamos imaxinar.
A antropoloxía basea todo o seu potencial de produción de coñecemento na facultade que posuímos os seres humanos para facer intelixible o comportamento dos seres humanos. Por iso, a antropoloxía é unha ciencia social reflexiva. Unha parte fundamental desa reflexión consiste no recoñecemento de que a investigación non se pode desenvolver en solitario senón que depende de voces e experiencias de outras persoas. Polo tanto, a antropoloxía é unha ciencia baseada no diálogo sociocultural, o que a converte nunha disciplina con grandes posibilidades ante situacións que os propios axentes sociais consideran necesarias.
Texto adaptado do presente na web ASAEE: https://asaee-antropologia.org/antropologia/que-es-la-antropologia)