Orientacións deontolóxicas para a práctica da antropoloxía profesional
Preámbulo
A Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE) responde á inquietude manifestada pola comunidade antropolóxica de iniciar unha reflexión sobre a dimensión ética do noso traballo profesional. Nun contexto no que tanto a lexislación como as institucións públicas esixen de forma crecente que a actividade investigadora se realice conforme a normas deontolóxicas aceptadas pola comunidade científica internacional, a ASAEE quere impulsar un espazo propio e dinámico de deliberación. Fronte á hexemonía dunha visión cientifista, trátase de traballar sobre a especificidade da nosa disciplina e sobre as orientacións de tipo ético coas que nos comprometemos profesionalmente. As antropólogas e os antropólogos actuamos en situacións complexas onde os dilemas éticos se presentan en diversas fases do traballo e en relación con distintos axentes participantes. Por iso, e sen menoscabo do cumprimento do espírito deontolóxico de transparencia e necesidade de render contas dos obxectivos, riscos, e beneficios potenciais de calquera traballo científico, a práctica profesional da Antropoloxía adquire unha reflexividade ética idiosincrática.
Este documento parte do respecto e a potenciación da enorme diversidade teórica, metodolóxica e, en xeral, profesional das prácticas antropolóxicas contemporáneas. A crecente complexidade das sociedades globalizadas únese a contextos de traballo cada vez máis interdisciplinares e estruturas de financiamento, públicas ou privadas, que xeran intereses e demandas a miúdo contraditorios desde a perspectiva ética. Propoñemos, por tanto, máis que códigos de conduta, orientacións para a toma de decisións nas diversas disxuntivas éticas ás que nos enfrontamos, salientando a especificidade do traballo de campo etnográfico e expondo a necesidade de remitirlle a este a consideración dos principios éticos consensuados no marco asociativo da Antropoloxía. Concibido como intrinsecamente dinámico e deliberativo, este espazo de reflexión ética configúrase como un instrumento colectivo de autorregulación para a defensa e a dignificación da nosa profesión, sendo o seu contido complementario ao que dispoñen as normas legais existentes.
Alcance e obxectivos
Este documento expón un conxunto de recomendacións e compromisos aplicables á práctica profesional de antropólogos e antropólogas vinculados ás asociacións integradas na ASAEE. Os seus obxectivos son:
- Promover que a actividade profesional de antropólogos e antropólogas se desenvolva cumprindo os máximos estándares de rigor, honestidade e responsabilidade.
- Fomentar a adquisición de boas prácticas científicas, académicas, docentes e profesionais, incluíndo tamén a etapa de formación dos investigadores.
- Fomentar a reflexión sobre as cuestións éticas vinculadas á práctica da Antropoloxía, os seus beneficios e os seus riscos.
- Definir os dereitos e responsabilidades de antropólogos e antropólogas.
- Servir de plataforma e promover o debate público e a protección das boas prácticas profesionais de investigación e intervención de antropólogos e antropólogas en todo tipo de contextos.
Os profesionais da Antropoloxía ou quen se adhira á disciplina reivindican que na práctica específica da súa profesión:
- Se respecte a súa capacidade de definir libremente e sen censura institucional, política, ideolóxica ou programática, o enfoque temático, as formulacións teórico-metodolóxicas e a orientación básica, aplicada e activista. Ao mesmo tempo, os antropólogos e as antropólogas comprométense a que as ditas eleccións temáticas, teóricas, metodolóxicas e de orientación consideren e lles dean prioridade á protección e ao benestar dos individuos e colectivos que son suxeito da investigación.
- Se respecte o seu compromiso de confidencialidade e anonimato das persoas coas que traballa.
- Se preserve o dereito de autoría e publicación dos achados de investigación, aínda cando o traballo constitúa un encargo de organismos públicos ou privados ou sexa parte dunha investigación-acción.
Os antropólogos e as antropólogas comprométense a respectar unha serie de compromisos, de tipo ético, co amplo espectro de axentes sociais e/ou institucións involucrado nos nosos traballos. Distínguense catro ámbitos de aplicación destes compromisos:
- O primeiro e máis fundamental compromiso da práctica antropolóxica establécese coas persoas coas que colaboramos directamente no noso traballo de campo. Tradicionalmente a Antropoloxía traballou con grupos minoritarios e/ou en sitios periféricos, sendo por tanto máis crucial, se cabe, preservar a integridade ética do traballo antropolóxico realizado. Garantir o benestar, seguridade e protección da poboación involucrada no noso traballo é o noso compromiso máis arraigado e consensuado, e con relación a este a antropóloga ou o antropólogo:
- Informará os participantes no seu traballo dos obxectivos da súa investigación e dos seus posibles impactos e riscos, con claridade e adaptado ao contexto educativo e lingüístico das persoas participantes, evitando calquera tipo de traballo encuberto.
- Solicitará o consentimento informado dos participantes no traballo antropolóxico, aínda sen a necesidade dun formato escrito asinado, en cuxo caso debe xustificarse a idoneidade do consentimento informado oral, moi común no traballo etnográfico. O consentimento informado deberá obterse antes de comezar o traballo cos participantes, e deberase respectar o seu dereito para retiralo con posterioridade.
- Comprometerase explicitamente a gardar a debida confidencialidade sobre os datos persoais dos participantes e sobre calquera outro dato ou testemuño que estes consideren privado ou confidencial. Tamén se garantirá o anonimato dos participantes e, se isto non fose posible, avisarase desta circunstancia. Acordarase con estes modos e ámbitos de identificación e información de natureza persoal ou privada e apoiaranse relacións construtivas de investigación e toma de decisións.
- Garantirá que esta información sexa accesible aos participantes durante todo o traballo antropolóxico e asegurarase de incluír sempre as fontes de financiamento do traballo, os posibles impactos ou riscos que puidesen desprenderse da súa participación, e a liberdade para non contestar ou interromper a súa colaboración sen necesidade de xustificación.
- Avaliará de antemán os posibles riscos e impactos e terá a responsabilidade de poñer os medios para evitar que a súa práctica profesional poida causar, sequera potencialmente, risco ou dano á seguridade, dignidade ou privacidade das persoas e comunidades participantes.
- Garantirá a apropiada custodia de información, fotografías, vídeos, entrevistas ou notas de campo, informando explicitamente os participantes na investigación sobre o destino deste material e o seu uso na divulgación do traballo. Os arquivos ou rexistros que conteñan información sobre persoas deberán obterse e almacenarse de modo que se poida garantir o cumprimento da Lei de protección de datos.
- Promoverá e fará honra á reciprocidade e confianza mutua entre investigadores e participantes, reflexionando explicitamente sobre as relacións de poder establecidas no traballo antropolóxico, potenciando unhas relacións o máis igualitarias e participativas posible.
- Defenderá o dereito á propiedade intelectual da sociedade onde realizamos o noso traballo, acordando o recoñecemento explícito neste da súa parte de colaboración no traballo.
- Valorará coidadosamente o potencial impacto da difusión de información, utilizando os resultados do seu traballo dunha maneira responsable e primando sempre a seguridade e benestar dos participantes.
- En segundo lugar, a antropóloga e o antropólogo manteñen compromisos de actuación con relación á disciplina e á comunidade antropolóxica, relacións nas que a reflexión sobre a dimensión ética do noso traballo é de maneira clave un instrumento de formación e un estímulo continuo para a reflexión e o debate. Estes compromisos obrígannos a:
- Enfrontar dilemas éticos en cada etapa do noso traballo e a establecer canles de comunicación ética apropiadas.
- Incorporar no deseño dos nosos proxectos profesionais un apartado que realice unha reflexión detallada dos procedementos desenvoltos para garantir os compromisos éticos asumidos.
- Incorporar os resultados relevantes de proxectos anteriores e darlle crédito ao traballo desenvolto pola comunidade antropolóxica e científica e, en especial, á produción académica e investigadora local e nacional dos lugares nos que os investigadores desenvolven o seu traballo, dando adecuada difusión e posibilitando o acceso ás súas conclusións entre as e os colegas de profesión.
- Garantir a máxima honestidade no procesamento e difusión do traballo, sen distorsionar conscientemente a información, sen manipular evidencias, falsificar, nin plaxiar.
- Facer todo o posible para preservar as oportunidades de traballo de campo para futuros investigadores e investigadoras e recoñecer de forma explícita as contribucións de asistentes, bolseiros, estudantes e outros colaboradores no noso traballo.
- Levar a cabo un rigoroso proceso de obtención e interpretación de datos, co maior rigor científico e metodolóxico e, no caso de que se detecten erros tras unha posible publicación ou potenciais riscos para a poboación estudada anos despois, farase unha rectificación pública á maior prontitude.
- Desenvolver boas prácticas docentes e de investigación comprometéndose a non usar en edición materiais producidos polo alumnado na aula, salvo expreso coñecemento destes ou figurando como partícipes e asinantes no documento científico pertinente.
- Como todos os profesionais da investigación e noutras áreas do noso traballo profesional, as antropólogas e os antropólogos establecen compromisos con diversas entidades financiadoras (públicas ou privadas), institucións contratantes, e cos gobernos locais e nacionais dos ámbitos en que se realizan as investigacións, que nos obrigan a:
- Confirmar a compatibilidade dos propósitos e esixencias das institucións públicas e privadas que nos contratan como profesionais coas orientacións éticas consensuadas no noso colectivo profesional.
- Ser claros e rotundos con certos aspectos éticos como a transparencia da investigación en relación cos seus participantes, a valoración de danos ou efectos potenciais do traballo na súa seguridade e benestar, e o respecto á confidencialidade, privacidade e anonimato das fontes de información.
- Evitar conflitos de interese que comprometan a participación no traballo antropolóxico e, en caso de conflito, facer sempre prevalecer a responsabilidade con respecto aos participantes individuais, grupos e comunidades, con especial atención a aqueles situados en posicións de vulnerabilidade social.
- Respectar as leis e condicións de acceso dos gobernos locais e nacionais, e en particular os usos e costumes das comunidades nas que traballamos, a condición de que iso non implique poñer en perigo a integridade e benestar dos participantes ou comprometer os principios ou compromisos éticos da investigadora ou investigador.
- Finalmente, as antropólogas e os antropólogos consideran que o seu traballo e as súas prácticas de investigación deben sempre e, por encima de todo, redundar nun beneficio social o máis amplo posible. O traballo antropolóxico comprométese á defensa da integridade profesional, independentemente de que esta se contextualice nunha posición de “neutralidade valorativa” ou ben desde un traballo comprometido na transformación social. En ambos os casos o rigor e a honestidade serán principios inescusables, facendo sempre explícitas as limitacións das nosas metodoloxías e interpretacións e intervindo contundentemente ante posibles falsificacións ou banalizacións do noso traballo que poidan ter implicacións para a Antropoloxía e os participantes nos nosos traballos.
Proposta realizada polo Comité ad hoc sobre ética profesional antropolóxica*.
Coordinadora: Celeste Jiménez de Madariaga Equipo de traballo: Anthony Arnhold, Susana Carro-Ripalda, Santiago Martínez Magdalena e Liliana Suárez Navaz TARRAGONA, setembro de 2014
*Esta proposta realizouse para a anterior Federación de Asociacións de Antropoloxía do Estado Español (FAAEE) e o texto recuperouse para a actual Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE).
Texto traducido ao galego pola Agantro. Orixinal: https://asaee-antropologia.org/asaee/codigo-deontologico/