Seminarios Formativos da AGANTRO – 2021

SEMINARIOS SOBRE ANTROPOLOXÍA VISUAL “Outra forma de ollar”

A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego, e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza dez seminarios formativos que se van desenvolver entre o 4 e o 15 de outubro de 2021, de 18 a 20 horas.

Un dos enfoques que vén collendo máis peso nas últimas décadas é o da antropoloxía visual, ferramenta antropolóxica que se basea no uso da imaxe como instrumento adecuado tanto para a observación, como para a descrición e análise da realidade humana ou do feito social e/ou cultural a estudar. Esta disciplina considera o uso das técnicas de rexistro audiovisual como medio de escrita e publicación do resultado da investigación pero, ademais, tamén inclúe o estudo da imaxe en sentido amplo. O coñecemento dos interesantes traballos que están a realizar e a crecente utilización da linguaxe audiovisual por parte da antropoloxía á hora de enfocar ou de presentar os resultados das investigacións, unido á constatación das reducidas canles de divulgación destes valiosos traballos e de promoción das persoas autoras/investigadoras, xustifica este ciclo formativo.

A AGANTRO, no seu papel de sensibilizar sobre o coñecemento antropolóxico e de visibilizar os diferentes campos de acción da antropoloxía considera moi oportuno, nestes tempos onde a imaxe, o intanxible e o virtual das relacións sociais impera, pór o foco na antropoloxía visual. Estes presentes seminarios queren afondar nestas liñas da investigación e pór ao dispor das persoas participantes coñecementos e exemplos prácticos de proxectos ao redor da antropoloxía visual que poidan servir de modelos.

É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios.Inscrición aquí. Os seminarios serán impartidos online, na plataforma Jitsi (as instrucións de conexión enviaranse no mesmo día do seminario con suficiente antelación).

INSCRICIÓN PECHADA

Para máis información: agantroweb@gmail.com

Programa