Na actualidade Agantro traballa principalmente en tres liñas de actuación:
- Ampliación da oferta de traballos vencellados á Antropoloxía.
- Organización de xornadas e congresos: ten un congreso anual de Antropoloxía, que se ven desenvolvendo en diferentes lugares (Santiago 2017; Ferrol 2019; e Allariz 2020).
- Premios: hai un premio “Agantro” ao mellor audiovisual de contido etnográfico na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico- MICE do Museo do Pobo Galego.
Nos anos 2018 e 2019 a maior parte dos esforzos de Agantro concentráronse na organización do XIV Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía (SIEF)* celebrado en Santiago de Compostela en abril de 2019, con un impacto importante a nivel nacional e internacional. O congreso xuntou a 900 especialistas de Antropoloxía de todos os continentes. Para facer este congreso máis participativo e accesible, conseguiuse unha axuda da Fundación Wenner-Gren, especializada en Antropoloxía, de 20.000 dólares podéndose dar máis de 150 becas e axudas de viaxe a estudantes do todo o mundo. Para a organización deste congreso, Agantro firmou un convenio coa Xunta, e tamén obtivo axudas das diferentes universidades, CSIC, Deputación da Coruña e varias empresas. O impacto continuará nos vindeiros anos xa que no próximo congreso de SIEF en Helsinki (2021) entregaranse as conferencias plenarias do congreso de Santiago.
Desde o primeiro momento da súa fundación, Agantro ven representando a Antropoloxía galega a nivel estatal e ten un papel moi activo no conxunto das asociacións de Antropoloxía do Estado español, recoñecidas dentro do que fora a Federación de Asociacións de Antropoloxía do Estado Español (FAAEE) que recentemente transformouse na Asociación de Antropología do Estado Español (ASAEE).
* A información do congreso de SIEF en Santiago e os vídeos das plenarias pódense ver na URL: https://www.siefhome.org/congresses/sief2019 (acceso 20-12-2019).