Saídas profesionais

A seguir ofrecemos unha relación resumida de posibles saídas profesionais para persoas especializadas en antropoloxía.

Especialista en patrimonio cultural

A xestión do patrimonio cultural material e inmaterial e o seu potencial como instrumento para o desenvolvemento local a través do turismo, por exemplo, é un dos ámbitos máis consolidados para o exercicio profesional da Antropoloxía.

Saídas profesionais e actividades: Conservador/a do patrimonio cultural; Técnico/a de museos etnolóxicos, centros de xestión do patrimonio e de exposicións; Xestor/a e técnico/a en patrimonio (catalogación do patrimonio, realización de inventarios de bens inmobles, mobles e actividades de interese etnolóxico, elaboración de informes, plans, programas, proxectos de plan urbanístico, ambiental, investigación e elaboración de informes relativos ao patrimonio cultural e políticas culturais locais e rexionais); Técnico/a en turismo e servizos culturais (promoción turística, plans de desenvolvemento de turismo cultural), entre outros.

Docente

Boa parte da especialización profesional das/os antropólogas/os desenvolveuse no ámbito académico.

Saídas profesionais e actividades: Profesor/a de universidade; Profesor/a en ensino secundario e bacharelato; Formador/a de diversos profesionais que precisan de Antropoloxía en materias relacionadas coa diversidade cultural.

Investigador/a, consultor/a e especialista en intervención social

A Antropoloxía proporciona unha perspectiva e un conxunto de ferramentas cualitativas para a análise social que están a ser obxecto dunha crecente valoración social e por parte do mercado. Á vez que se rexistra unha maior demanda de investigación aplicada ao deseño, á implantación, ao seguimento e á avaliación de políticas públicas, produciuse unha identificación tamén maior da importancia dos factores socioculturais nas dinámicas sociais.

Xeralmente o labor das/os antropólogas/os refírese a consultorías ou investigacións aplicadas que proporcionan aos/as profesionais as ferramentas necesarias para a intervención social. Realizamos estudos cualitativos para institucións públicas ou privadas que necesiten un coñecemento da realidade social sobre a que quere incidir co obxectivo de facilitar a súa toma de decisións e o deseño de políticas e estratexias de intervención.

Entidades contratantes: concellos, hospitais, centros de saúde, clínicas, centros penais, escolas, institutos de ensino, universidades e centros de investigación, museos e asociacións de xestión cultural, axencias de desenvolvemento local, fundacións culturais, ONGs de desenvolvemento, observatorios sociais e consultorías de investigación e intervención social e de promoción turístico-cultural, empresas de mercadotecnia, entre outras.

Xestor/a cultural

Profesional que desenvolve tarefas relacionadas coa promoción e difusión da cultura: produción, distribución, difusión, consumo cultural e formación. Desenvolve tarefas de análise e deseño de plans e programas culturais. Esta actividade profesional pódese situar con referencia a tres eixos principais:

a) Articula, transforma, valoriza bens e servizos ligados ás referencias culturais dun grupo social.

b) Xestiona a posta en marcha das accións e programas: a planificación estratéxica, o márketing, a xerencia administrativa e orzamentaria, a xestión de persoal, a xestión e planificación de programas e equipamentos ou a avaliación.

c) Actúa en distintas fases do proceso do produto: información/formación, creación, produción, distribución, consumo ou conservación do ben ou servizo cultural.

Axente de desenvolvemento local

Profesional que estuda os recursos e posibilidades de desenvolvemento nunha área determinada, catalogando e definindo as demandas da zona, as súas características e necesidades. Analiza e deseña proxectos para o desenvolvemento da comunidade, achegando os recursos á cidadanía.

Trátase dunha figura profesional que impulsa e dinamiza a contorna evitando a diminución dos recursos existentes (desenvolvemento sustentable).

Axente de desenvolvemento rural

Profesional que estuda os recursos e as posibilidades dunha zona rural, elabora plans de desenvolvemento e colabora na súa implantación. O seu obxectivo é conseguir o desenvolvemento integral da zona a través de plans que teñan o menor impacto ambiental posible e que se rexan polas normas vixentes de calidade (desenvolvemento sustentable).

Para iso, entre outras cousas, analiza os proxectos de creación de empresas e informa sobre a normativa legal sobre actividades empresariais (turísticas, agrícolas, gandeiras), as subvencións existentes. Tamén presta asesoramento á poboación rural en xeral, en aspectos económicos, sociais, ambientais e culturais.

Axente de igualdade de oportunidades

Profesional que deseña, dirixe, coordina, dinamiza, implementa, xestiona e avalía plans, programas, proxectos e campañas de acción positiva referidos á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en diferentes áreas e escenarios profesionais.

Os seus escenarios profesionais sitúanse prioritariamente nos espazos máis próximos ás necesidades da cidadanía. As administracións locais (concellos, deputacións), unidades comarcais, ou asociacións de mulleres e sindicatos constitúen eses espazos nos que se concretan os dereitos, as posibilidades e as capacidades de acción colectiva, e por tanto revélase como canle inmediata de intervención en igualdade de oportunidades. Os medios de comunicación, as editoriais, en tanto que ocupan unha posición estratéxica na creación de correntes de opinión e na persistencia de certos valores e normas; e as empresas como espazos nos que o desequilibrio nas relacións han de ser corrixidos, son tamén ámbitos da súa actuación.

Mediador/a intercultural

Profesional que se encarga de utilizar recursos para xestionar a diversidade cultural en diferentes ámbitos sociais (educativo, xurídico, sanitario, laboral) executando actuacións dirixidas a favorecer o proceso de adaptación e integración de persoas inmigrantes, con obxecto de evitar a aparición de conflitos orixinados polo descoñecemento do idioma, os costumes, os prexuízos ou os estereotipos raciais.

No estado español esta figura localízase principalmente no ámbito educativo, onde intervén con docentes, alumnado e familias poñendo en marcha actividades como plans de acollida para o alumnado inmigrante, charlas informativas, asesoramento lingüístico, actividades que fomenten o respecto, o recoñecemento da igualdade e a participación, a elaboración de materiais nos idiomas de orixe do alumnado ou a mediación en conflitos. Ademais de traballar nos centros educativos, os/as mediadoras interculturais traballan en ONGs, fundacións, centros de mediación dependentes de concellos ou sindicatos.

Museólogo/a

Profesional que se encarga da conservación, documentación, xestión, investigación, difusión, pedagoxía e exposicións nos museos. A Museoloxía é a ciencia que trata dos museos, da súa historia, o seu influxo na sociedade, ou das técnicas de conservación e catalogación. Poden desenvolver o seu labor profesional en campos tan variados como a conservación, restauración, difusión, educación e xestión, entre outros.

Técnica/o en xestión do coñecemento

Profesional que se encarga de transferir o coñecemento e experiencia existente nas persoas dunha organización, de modo que poida ser utilizado como un recurso dispoñible para outros, para a obtención dun maior rendemento social, empresarial ou persoal.

Implanta, desenvolve e avalía plans de xestión do coñecemento, a través do tratamento do documento como unidade primaria de información. O seu obxectivo final é extraer información de valor engadido, capturar o seu significado, organizalo, facelo dispoñible e convertelo finalmente en coñecemento, nunha sociedade como a actual na que existe unha gran cantidade de información dispoñible.

Nos últimos anos foron emerxendo diferentes técnicas para estudar os sistemas de información e xestionar o coñecemento, como a intelixencia artificial ou os sistemas de xestión de bases de datos.

Técnica/o en planificación e xestión de servicios sociais e asistenciais

Profesional que se encarga de planificar e xestionar os servizos e actuacións sociais que teñen por obxecto fomentar o desenvolvemento do benestar social da cidadanía. O obxectivo destes servizos é poñer ao dispor das persoas, grupos e comunidades, medios e apoios necesarios para o desenvolvemento digno da súa personalidade, dentro do contexto psicofísico e social de cada individuo, promovendo a súa participación na vida cidadá e desenvolvendo a prevención e eliminación das causas que conducen á súa marxinación.

Especialista en deseño e elaboración de materiais didácticos

Profesional responsable da elaboración de ferramentas impresas, audiovisuais ou multimedia, que faciliten o proceso de ensino-aprendizaxe e que sirvan como apoio ao desenvolvemento de programas educativos ante unha necesidade formativa previamente detectada. Estes materiais poden ter dúas funcións: como apoio no ensino presencial ou como material de autoaprendizaxe en formación a distancia.

Pode especializarse no deseño de produtos, principalmente de xoguetes dirixidos a mellorar a psicomotricidade, a creatividade ou a aprendizaxe de certas materias como os idiomas, as matemáticas ou a linguaxe.