Estatutos da Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro)
CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1. Denominación e natureza
A Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGA) constituída en data 30/06/1993 e co CIF G-15430820 ao amparo da Lei 19/1977, do 1 de abril, e inscrita inicialmente en data no Rexistro de asociacións sindicais e profesionais dependente da Consellería de Traballo co número de rexistro 1993-82-4-315, acordou en Asemblea Xeral Extraordinaria de data 23/11/2018 a modificación do seu réxime xurídico, pasando a regularse pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e demais normativa de aplicación ás asociacións sen ánimo de lucro.
Na mesma Asemblea aprobouse a modificación dos estatutos da asociación co obxecto de adaptalos á Lei orgánica 1/2002, de conformidade co establecido no artigo 48 do Real decreto 949/2015 de 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
A asociación muda o seu nome e pasa de coñecerse como “Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural” (AGA) a coñecerse en adiante como “Asociación Galega de Antropoloxía” (AGANTRO)
A “Asociación Galega de Antropoloxía” (AGANTRO) é membro da “Asociación de Antropología del Estado Español” (ASAEE).
Artigo 2. Personalidade e capacidade
A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.
Artigo 3. Domicilio
A asociación establece o seu domicilio social na rúa San Domingos de Bonaval, s/n, C.P. 15703, Santiago de Compostela.
Artigo 4. Ámbito de actuación
O ámbito territorial no que a asociación vai a desenvolver principalmente as súas actividades é o da comunidade autónoma de Galicia.
Porén, a Asociación poderá promover actividades relacionadas cós seus fins en calquera parte do mundo.
Artigo 5. Duración
- A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforma a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asembleas Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 6. Fins
- Son fins principais da asociación:
a) Manter e mellorar a profesionalización e o desenvolvemento do sector da antropoloxía en toda a súa amplitude como unha actividade profesional especializada, tanto en Galicia como no exterior.
b) Actuar como interlocutora coas instancias politico-administrativas e incidir na inclusión da antropoloxía en todas as actividades e ofertas de emprego público correspondentes ao seu nivel e ámbito de coñecemento.
c) Impulsar as tarefas de formación, especialización e reciclaxe para estudantes e outros profesionais.
d) Promover a investigación en temas de antropoloxía e colaborar con entidades e organismos en relación cos obxectivos da asociación.
e) Fomentar as relacións e a comunicación entre as persoas asociadas, establecendo as canles necesarias.
f) Promocionar actividades de divulgación e difusión da antropoloxía cara á sociedade xeral e visibilizar a relevancia da Antropoloxía Social e Cultural, tanto en Galicia como máis aló das súas fronteiras.
g) Como profesionais dunha disciplina que traballa en torno á diversidade cultural esta asociación ten entre os seus fins a promoción do interese xeral e defínese como entidade prestadora de servizos á sociedade en xeral e, especificamente:
a. Como entidade que traballa contra as discriminacións, en prol da igualdade de xénero, o feminismo e a defensa da diversidade
b. Como entidade que traballa na educación e formación cultural, tanto formal como informal, cara á mocidade
c. Como entidade que traballa na defensa do patrimonio cultural inmaterial
d. Como entidade que promove accións para o desenvolvemento e a participación cidadá. - Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
a) Actuar como interlocutora coas administracións e institucións político-administrativas na procura da consecución dos fins desta asociación.
b) Tramitar solicitudes ás distintas administracións para o recoñecemento oficial a todos os efectos da titulación universitaria en Antropoloxía Social e Cultural.
c) Elaborar convenios de colaboración con entidades de diversa índole en relación cos fins desta asociación.
d) Iniciar peticións de inclusión da antropoloxía en actividades culturais e ofertas de emprego público correspondentes ao seu nivel e ámbito de coñecemento.
e) Promover actividades de divulgación cara á sociedade en xeral e procurar un papel importante dos profesionais da Antropoloxía Social e Cultural na opinión pública galega.
f) Promover seminarios, debates, congresos, xuntanzas e outras reunións así como cursos de formación.
g) Manter a relación de colaboración coa Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE).
h) Promover actividades contra as discriminacións, en prol da igualdade de xénero, en defensa da diversidade, dirixidas á mocidade, en defensa do patrimonio cultural inmaterial, de participación cidadá, etc.
i) Publicacións e elaboración de audiovisuais.
j) Calquera outra actividade que sirva para cumprir cos fins que se reflicten nestes estatutos.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
CAPÍTULO II
DAS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 7. Requisitos
Poderán pertencer á asociación aquelas persoas físicas e xurídicas con capacidade de obrar e que así o soliciten sempre que cumpran polo menos algún dos seguintes requisitos:
- No caso das persoas físicas:
a) Ter obtido o título de Licenciatura ou Grao en Antropoloxía.
b) Ter obtido o título de Diploma de Estudos Avanzados (DEA) ou Mestrado Oficial en Antropoloxía.
c) Ter obtido o título de Doutor/a cunha tese de doutoramento de temática antropolóxica.
d) No caso de non posuír título universitario en antropoloxía, poderán solicitar a súa pertenza á presente asociación aquelas persoas que teñan feito algunha achega substantiva no campo da antropoloxía que acredite a súa experiencia e interese na materia. Para tal efecto, establecerase un mecanismo de avaliación no que a Xunta Directiva acordará a aceptación ou rexeitamento deste tipo de solicitudes, que deberá ser ratificado en Asemblea Xeral Extraordinaria. - No caso das persoas xurídicas, poderán formar parte da asociación aquelas outras asociacións, institucións e organizacións con fins e intereses que garden algún tipo de relación cós fins da asociación. As persoas xurídicas exercerán a súa condición de socio titular a través do representante con voz e voto que a organización, institución ou asociación designe.
Artigo 8. Clases de persoas asociadas
Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados ou asociadas:
a) Persoas físicas
b) Persoas xurídicas.
Artigo 9. Perda da condición de persoa asociada
- As persoas asociadas poderán causar baixa por algunha das causas seguintes:
a) Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b) Por incumprimento das obrigas económicas, se deixase de satisfacer durante un ano as cotas periódicas, salvo naqueles casos nos que a asociación estableza a exención do pago de cotas.
A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, no momento no que abonase as cotas pendentes de pago.
c) Por incumprimento das obrigas xerais das persoas asociadas recollidas nestes estatutos ou de accións que prexudiquen de maneira grave os intereses da asociación e a profesión, previo expediente disciplinario, con audiencia da persoa interesada. - A expulsión de asociados e asociadas nos casos b) e c) do parágrafo anterior será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
Artigo 10. Dereitos das persoas asociadas
As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
a) Tomar parte en cantas actividades organice a asociación en cumprimento dos seus fins.
b) Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a asociación poida obter.
c) Ser convocadas e participar nas asembleas con voz e voto.
d) Ser electoras e elixibles para os cargos directivos, segundo o especificado nestes estatutos.
e) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación.
f) Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e a ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
g) Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estimen contrarios á lei ou aos Estatutos.
h) Acceder á documentación da asociación a través da Xunta Directiva, nos termos previstos na normativa de protección de datos de carácter persoal. Esta documentación asociativa é a relación de asociados, datos contables, as actas de asembleas e xuntas directivas, memorias de actividade e calquera outra que estableza a Asemblea Xeral.
i) Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da asociación.
j) Calquera outro que recoñeza a lexislación vixente e os resultantes do disposto nos Estatutos.
Artigo 11. Obrigas
As persoas asociadas terán as seguintes obrigas:
a) Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva.
b) Pagar as cotas que se fixen.
c) Desempeñar, no seu caso, as obrigas inherentes ao cargo que ocupen.
d) Cumprir os demais deberes que resulten dos preceptos legais e estatutarios.
e) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
f) Contribuír, co seu comportamento, ao bo nome e prestixio da asociación, respectar a lexislación vixente e as normas de ética profesional nas súas actividades.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN
Sección 1ª. Asemblea Xeral de persoas asociadas
Artigo 12. Asemblea Xeral de persoas asociadas
O órgano de goberno da asociación é a Asemblea Xeral de persoas asociadas ou Asemblea Xeral, integrada por todas as persoas asociadas en plena capacidade dos seus dereitos recoñecidos estatutariamente.
A Asemblea Xeral adoptará os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna e deberá reunirse, cando menos, unha vez ao ano.
As asembleas poderán ter carácter ordinario e extraordinario, na forma e competencias que se indican nos presentes Estatutos.
Artigo 13. Lexitimación para convocar as Asembleas.
As Asembleas serán convocadas polo/a Presidente/a da asociación, por iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou pola solicitude asinada do 10% do número legal de socios.
Acordada pola Xunta Directiva a convocatoria dunha Asemblea Xeral, o/a Presidente/a terá que convocala no prazo máximo de quince días naturais, a contar dende a data do acordo.
A solicitude de convocatoria efectuada polas persoas asociadas terá que conter expresamente a orde do día da sesión, achegando os documentos ou información que fosen necesarias para a adopción dos acordos.
A solicitude terá que ser presentada ao/á Secretario/a da asociación, quen deberá dar acuse de recibo á persoa asociada que a presentou.
O/A Secretario/a da asociación, despois de comprobar os requirimentos formais (número de socios, convocatoria e documentación, no seu caso), dará conta inmediatamente ao/á Presidente/a para que, no prazo de quince días dende a súa presentación, convoque a Asemblea que terá que celebrarse dentro dos trinta días seguintes á data de presentación.
No caso de que a/o Presidente/a non convocase no prazo dos quince días subseguintes ou convocase a Asemblea dentro do prazo para a súa celebración con posterioridade aos trinta días dende a solicitude, os promotores estarán lexitimados para proceder á convocatoria da Asemblea Xeral, expresando dito extremo na convocatoria, e irá firmada pola persoa que encabece as listas da solicitude.
Artigo 14. Forma da convocatoria.
A convocatoria efectuada polas persoas lexitimadas para iso, de conformidade co disposto no artigo anterior, terá que ser comunicada ás persoas asociadas cunha antelación mínima de quince días á celebración da Asemblea por correo electrónico.
A convocatoria deberá conter a orde do día, o lugar, data e hora de celebración.
A documentación necesaria e información que sexa necesaria para ter en conta a adopción de acordos deberá ser tamén anexada por correo electrónico cunha antelación mínima de quince días á celebración da Asemblea, para que poida ser examinada.
Artigo 15. Asemblea Xeral Ordinaria.
A reunión ordinaria celebrarase como mínimo unha vez ao ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio económico.
Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:
a) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
b) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio, e o plan de actividades.
c) Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da Xunta Directiva.
d) Elixir e cesar as persoas integrantes da Xunta Directiva.
e) Ratificar a admisión e baixa dos asociados.
f) Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
g) Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
h) Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
i) Nomear comisións, temporais ou permanentes, para estudar, avaliar e, informar, sobre aspectos concretos da actividade da AGANTRO.
Artigo 16. Asemblea Xeral Extraordinaria.
Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:
a) Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
b) Acordar a transformación da asociación.
c) Acordar a fusión da asociación.
d) Expulsar aos asociados a proposta da Xunta Directiva.
e) Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
f) As que sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria.
g) Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo 17. Quórum.
As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou persoas que as substitúan.
Artigo 18. Adopción de acordos
- Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.
- Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:
a) Designación de membros da Xunta Directiva
b) Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas
c) Disolución da asociación.
d) Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.
e) Disposición ou alleamento de bens.
3.Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.
Artigo 19. Delegación do voto.
A representación ou delegación de voto soamente será válida para a sesión ou convocatoria pola que se expida, sendo nula calquera delegación ou representación indefinida.
A representación ou delegación de voto terá que facerse constar por escrito, con indicación dos datos persoais da persoa asociada no que se delega e da asociada a quen representa, asinado e rubricado por ambas.
Sección 2ª. Xunta Directiva.
Artigo 20. Composición e duración.
- A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.
- Estará formada por: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a designadas pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidas.
- A composición da Xunta directiva deberá reflectir a diversidade dos ámbitos profesionais da antropoloxía tanto académicos como non académicos. Por iso, a Xunta Directiva deberá garantir sempre a presenza de, cando menos, un membro pertencente ao mundo académico ou ao non académico, dependendo da composición da maioría da mesma.
- A duración do seu mandato será de tres anos, podendo ser obxecto de reelección, segundo as particularidades sinaladas nos presentes Estatutos.
- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
- Os cargos da Xunta Directiva cesarán na súa función por:
a. Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b. Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
c. Resolución xudicial.
d. Renuncia voluntaria.
e. Perda da condición de persoa asociada.
f. Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.
g. Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións ata a designación dos novos membros. - De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polos restantes membros, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.
Artigo 21. Reunións e acordos
- A Xunta Directiva será convocada pola persoa que ostente a presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
- Para estar validamente constituída deberán estar presentes física ou telemáticamente, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas que ostenten a presidencia e a secretaría ou as persoas que as substitúan.
- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das persoas asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade do/a Presidente/a.
Artigo 22. Facultades da Xunta Directiva
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
a) Programar e dirixir as actividades asociativas
b) Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
c) Executar os acordos da Asemblea.
d) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
e) Convocar e fixar as datas das Asembleas.
f) Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
g) Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
h) Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
i) Resolver as solicitudes de ingreso de asociados/as.
j) Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
k) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
Artigo 23. Obrigas documentais
A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:
a) Unha relación actualizada de asociados e asociadas.
b) Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
c) Inventario dos seus bens.
d) Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.
Artigo 24. Presidente/a
A persoa que ostenta a presidencia terá as seguintes atribucións:
a) Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
c) Ordenar a execución dos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta a secretaría ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Artigo 25. Vicepresidente/a
A persoa que ostente a vicepresidencia realizará as funcións da presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade ou substituír a algún dos outros cargos da xunta directiva, podendo tamén actuar en representación da asociación nos supostos en que así se acorde pola Xunta Directiva ou pola Asemblea Xeral.
Artigo 26. Secretario/a
- A persoa que ostenta a secretaría terá as seguintes atribucións:
a) Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
b) Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.
c) Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes.
d) Expedir certificacións dos acordos co visto e prace do presidente/a, así como emitir informes.
e) Redactar o inventario de bens da asociación.
f) Custodia do arquivo de libros e documentos da asociación.
g) Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda. - A persoa que ostenta a secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola persoa que ostenta a Presidencia.
Artigo 27. Tesoureiro/a
- A persoa que ostenta a tesourería terá as seguintes atribucións:
a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral
b) Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia.
c) Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a persoa que ostenta a presidencia.
d) Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación
e) Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea
f) Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.
Sección 3ª. Disposicións comúns aos órganos da asociación.
Artigo 28. Actas.
A persoa que ostente o cargo de Secretaría levantará un acta de cada sesión que se celebre na que se especificará necesariamente o quórum necesario para a válida constitución do órgano (no caso da Xunta Directiva especificaranse necesariamente as persoas asistentes), a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo no que se celebraron, os puntos principais das deliberación así como o contido dos acordos adoptados.
As actas deberán ser de público acceso a todos os socios que así desexen.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 29. Patrimonio inicial
A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 55.73 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural, e terá lugar o día 31 de decembro de cada ano.
Artigo 30. Recursos económicos
A asociación manterase dos seguintes recursos:
a) As cotas periódicas das persoas asociadas.
b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.
c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
d) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 31. Contas anuais
- Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.
- A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.
Artigo 32. Destino de ingresos a fins da asociación
Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 33. Regulamento de réxime interno
Por acordo da Asemblea Xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos.
O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI
DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 34. Disolución
A asociación disolverase polas seguintes causas:
a) Por acordo adoptado por maioría cualificada en asemblea xeral extraordinaria.
b) Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
c) Por sentenza xudicial firme.
d) Polas demais causas que se determinen nos presentes estatutos.
Artigo 35. Liquidación
- Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
- Os membros da xunta directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo designación expresa de liquidadores pola asemblea xeral ou por autoridade competente.
- Corresponde aos liquidadores:
a) Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
c) Cobrar os créditos da Asociación.
d) Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.
e) Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.
f) Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais. - A solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.
DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias.
DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA
As dúbidas ou conflitos suscitados pola interpretación dos presentes Estatutos ou dos acordos válidos dos órganos de goberno serán dirimidos en primeira instancia pola Xunta Directiva ou, no caso de urxencia, pola persoa que ostente a presidencia, debendo ser ratificados ou rectificados na seguinte reunión da Asemblea Xeral.
Dilixencia:
Dona Cristina Sánchez Carretero, presidenta e dona Guadalupe Jiménez Esquinas, secretaria da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) fan constar que estes estatutos foron modificados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela o 23/11/2018, co obxecto de adaptalos aos requisitos establecidos na Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, seguindo o procedemento previsto no Real decreto 949/2015 de 23 de outubro polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
En Santiago de Compostela, a 8 de Marzo de 2019