VI Congreso AGANTRO 2023 | Antropoloxía en Galiza e Asturies hoxe
A Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) é unha asociación de profesionais da antropoloxía que foi constituída no 29 de xuño de 1993, polo que vai cumprir 30 anos de existencia. Agantro ten como obxectivo principal mellorar a profesionalización e desenvolver a antropoloxía, abrindo as canles de comunicación coas administracións, incidindo na inclusión da nosa disciplina naquelas actividades culturais e ofertas de emprego correspondentes á nosa formación. Mais tamén apoiar a posta en valor das múltiples ramificacións da cultura galega e xerar un foro de debate e comunicación no que teñan cabida os diferentes xeitos de entender e practicar a antropoloxía alén da academia, tendendo pontes e fortalecendo as relacións co tecido asociativo que durante tantos anos mantivo viva a investigación e a divulgación.
Como froito destas accións nos últimos anos conseguimos mellorar as canles de comunicación coas administracións así como tecer novas redes e potenciar espazos para a conexión e a comunicación entre as persoas asociadas, pular pola investigación antropolóxica, realizar actividades de divulgación e difusión e visibilizar a relevancia da antropoloxía cara á sociedade. Nesta liña de reactivación das actividades relacionadas coa asociación levamos cinco anos colaborando coa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, e no ano 2019 participamos na organización do XIV congreso da Sociedade Internacional de Etnoloxía (SIEF) en Santiago de Compostela co obxectivo de fortalecérmonos. A nosa asociación é parte da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE) e, neste sentido, Agantro está organizando o XVI Congreso Internacional de Antropoloxía que se celebrará do día 5 ao 8 de setembro de 2023 con sede na Coruña (UDC) e baixo o lema “Non hai fronteiras?”.
O VI Congreso Agantro leva por título “Antropoloxía en Galiza e Asturies hoxe”, e está deseñado como un espazo de visibilización do valor desta disciplina ao tempo que como encontro coa Asociación Asturiana de Antropoloxía e Patrimonio Etnolóxico (ASAPE). Un espazo que sirva para coñecernos mellor, partillar o traballo que se fai a ambos lados do Eo e buscar liñas e temas de colaboración. Por este motivo, o encontro desprázase este ano a Viveiro, en terras da Mariña, mais perto da terra astur. Así poderemos tamén dar a coñecer a asociación noutros territorios e redes do país, compartindo coa cidadanía investigacións antropolóxicas de interese común.
O encontro terá lugar na sala multiusos do Concello de Viveiro. Contaremos cunha primeira sesión o venres 28 de abril ás 18h, na que celebraremos a nosa asemblea anual, en formato híbrido, para que quen non se poida achegar a Viveiro poida participar online.
O sábado 29 de abril a sesión comezará ás 11h cun encontro coa ASAPE, na que recibiremos aos/ás companheiras de Asturies e partillaremos experiencias de ambas asociacións. Esta parte é pechada para persoas asociadas.
A parte da tarde, aberta ao público, arrancará ás 16h coa benvida oficial por parte das presidentas de ambas entidades, Yolanda Cerra e Luzia Oca. Continuará cun espazo de presentación de proxectos de investigación, con tres propostas de cada territorio, 6×6 Antropoloxía en Galiza e Asturies hoxe, que será moderado por Iria Vázquez Silva.
A seguir, teremos a conversa (Re)activar saberes: A Antropoloxía frente aos desafios dos mundos posibles, coa participación de Llorián García-Flórez (ASAPE) e Candela Morado (UPM/INCIPIT, Agrocuir), moderada por Iñigo Sáchez Fuarros. Nesta mesa interésanos reflexionar arredor desas dicotomías clásicas que aínda hoxe continúan delimitando a senda do camiño (rural/urbano, tradición/vangarda, local/global, patrimonio/anti-patrimonio, natureza/cultura), poñelas en contexto (os territorios e a realidade próxima de Galiza e Asturies) e intentar ver como estes polos e liñas que os atravesan están sendo cuestionados e redefinidos dende os activismos, o habitar, os coidados ou as prácticas artísticas.
É necesaria inscrición para participar de todos os espazos da xornada, así como das comidas conxuntas. A tarde é aberta á cidadanía, non é preciso ser persoa socia da Agantro.
Para asistir non é necesario presentar comunicación, póster ou audiovisual nin tampouco ser da Agantro.
Para asistir inscríbete neste formulario: n9.cl/congresoagantro
Prazo para inscribirte: até o 26 de abril
Contacto e máis información: agantro@gmail.com
É necesaria inscrición para participar de todos os espazos da xornada, así como das comidas