VIII Congreso AGANTRO 2025

A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas

 Colaxe elaborado por Cuqui, bibliotecaria na Bib. Ágora. Imaxen da campaña das BMC para as Letras Galegas 2021. Distribuída baixo licenza Creative Commons.

Por primeira vez na historia, o galego deixou de ser a lingua maioritaria en Galicia. O proceso de substitución lingüística é especialmente acusado entre a mocidade, contando apenas 34.000 falantes entre os menores de 14 anos. Esta realidade, compromete seriamente as perspectivas da lingua no medio prazo, prendendo as alarmas da emerxencia lingüística. Que pode facer a antropoloxía ante esta situación?

As relacións entre lingua e cultura foron un tema clásico da antropoloxía, se ben en Galicia recibiron, polo de agora, unha atención limitada da nosa disciplina. Por unha banda, cómpre contribuír aos debates establecidos pola sociolingüística explorando, por exemplo, as relacións de poder e as ideoloxías tralas prácticas lingüísticas ou afondando na comprensión dos procesos de creba e mantemento da transmisión lingüística interxeracional mediante o estudo situado da socialización lingüística. Por outra, faise preciso ampliar a ollada e integrar a lingüística como unha dimensión máis dos procesos complexos de transformación da sociedade galega, a presión socioeconómica sobre o mundo rural, o inverno demográfico e os movementos migratorios, ou as descontinuidades cada vez máis disruptivas froito das novas tecnoloxías.

Os vínculos entre lingua e identidade cultural continúan tamén a ser un eido fértil de estudo, no que explorar como o galego se entretece con outras manifestacións do patrimonio inmaterial. Igualmente, a análise crítica das prácticas permite configurar a lingua como unha categoría máis en intersección nos procesos de inclusión-exclusión social. En combinación coas metodoloxías participativas, a antropoloxía abre a porta ao desenvolvemento de accións de apoderamento dos falantes tradicionais e o xurdimento de novos perfís mediante programas de activación das competencias lingüísticas e, en xeral, á dinamización lingüística na sociedade. Por último, a antropoloxía pode contribuír coa súa perspectiva ao deseño de políticas lingüísticas culturalmente responsables e socialmente efectivas, que constitúan oportunidades de futuro para a nosa lingua e os seus falantes.

Ante esta situación crítica, a antropoloxía galega está chamada a contribuír proactivamente á reversión da tendencia, combinando a investigación etnográfica rigorosa co deseño de estratexias efectivas de acción comunitaria. Por iso, o VIII Congreso da AGANTRO, organizado en colaboración co Instituto da Lingua Galega, estará dedicado a reflexionar sobre o noso papel fronte a emerxencia lingüística.


Información práctica

Data: venres, 6 de xuño de 2025
Horario: 10:30 – 19:00
Local: Instituto da Lingua Galega (ILG), Praza da Universidade, 4 | Santiago de Compostela

Organiza: Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO)

Colabora: Instituto da Lingua Galega (ILG)


Programa provisional

Mañá

10h30 | Chegada e benvida

11h00 | Apertura

11h15 | Comunicacións 1

Modera: Iria Vázquez Silva (UVigo)

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra: unha experiencia de intervención socio-educativa para a dinamización do uso do galego e a xestión do conflito lingüístico entre alumnado de secundaria (Andrea Rico Adega, Rexenerando S. Coop. Galega)

Esta comunicación presenta a experiencia do Laboratorio de Apoderamento Lingüístico en Ferrolterra, un proxecto de intervención socio-educativa para a dinamización do uso do galego e a xestión do conflito lingüístico. Promovido pola cooperativa Rexenerando, en 2022 foi seleccionado como parte do programa TeCe Redes en Galego, financiado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O LAB_Lingua nace como un espazo de experimentación. Un lugar no que observar e comprender mellor a dimensión social das linguas, explorar a relación persoal e colectiva con elas e activar a creatividade para impulsar novas propostas que contribúan á activación de falantes e á extensión social das linguas minorizadas. Faino baseándose en datos e argumentos mais tamén na experiencia das persoas participantes e nas súas propias ideas, necesidades e arelas.

Unha das potencialidades do LAB_Lingua é o seu enfoque metodolóxico, apoiado en ferramentas de facilitación grupal para a xestión da diversidade. Isto favorece diálogos sociais máis profundos onde explorar os diferentes roles ou voces presentes no conflito lingüístico, así como a creación colectiva e o prototipado de acción para a activación de falantes.

Na primeira edición piloto del LAB_Lingua, celebrada entre outubro e novembro de 2022, participaron 88 adolescentes de 1º de Bacharelato de catro centros da comarca de Ferrolterra. Con esta acción puidemos comprobar non só a pervivencia de prexuízos e estereotipos se non tamén o desexo xeneral de aumentar o seu uso, mellorar competencias lingüísticas, asegurar a supervivencia da lingua e, nalgúns casos, converterse en axentes activos na consecución deste obxectivo.

Ritmos de revitalización: a foliada como espazo de construción identitaria do neofalante (​​Kalee Rose Prendergast, NOVA FCSH)

Esta comunicación explora o fenómeno dos neofalantes no contexto máis amplo da revitalización da lingua galega, centrándose especificamente na súa implicación nas prácticas musicais e de baile tradicional —en particular, na foliada— como espazo de lexitimación e experimentación lingüística. A través dunha lente etnomusicolóxica e sociolingüística, examínase como os neofalantes navegan a súa identidade mediante actos performativos en contextos culturalmente significativos, poñendo de relevo como estas prácticas non só fomentan o uso da lingua, senón que tamén se entrecruzan con procesos sociais e políticos máis amplos.

Tendo en conta que a música, o baile e a lingua galega comparten traxectorias históricas interligadas vinculadas á conformación dunha identidade galega imaxinada, esta investigación explora como os neofalantes implicados nestas prácticas de expresión cultural negocian hoxe as súas identidades lingüísticas e musicais, e pretende establecer posibles vínculos entre a súa participación nas prácticas “tradicionais” de música e baile e a súa expresión lingüística. Aínda que os estudos teñen demostrado que os factores que impulsan o cambio lingüístico son variados e adoitan estar enraizados en influencias sociais, económicas, ideolóxicas, políticas e culturais, este traballo busca identificar os espazos da música e do baile “tradicional” como un entorno no que estas influencias poden converxer. Incluíndo resultados dunha investigación etnográfica realizada en Santiago de Compostela, esta comunicación analizará as motivacións lingüísticas dos neofalantes implicados no ámbito das foliadas, observadas a través da observación participante e entrevistas semiestruturadas. O enfoque desprázase cara a contextos non institucionais, recoñecendo as foliadas como espazos comunitarios vitais para a continuidade lingüística e cultural, polo seu potencial para fomentar o uso da lingua galega entre os neofalantes.

O Museo do Pobo Galego fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas (Lois Ladra & María Xosé Fernández Cerviño, Museo do Pobo Galego)

Ao longo dos seus case que cincuenta anos de existencia, o Museo do Pobo Galego (MPG), como iniciativa cívica comunitaria preocupada pola preservación e pola dinamización da cultura galega, encetou e desenvolveu numerosas actividades comprometidas coa defensa e promoción da língua propia do país. Esta filosofía constitúe un elemento fundamental da misión e do espírito fundacional da institución, o cal se concreta na implementación de diversas accións que pretendemos expoñer para reflectir sobre o traballo feito e a súa repercusión no futuro do noso pobo.

A transiçom ao instituto desde a escolarizaçom prévia na Rede de Escolas de Ensino Galego Semente: umha visom desde a antropologia para a revisom da situaçom de emergência linguística atual (Natalia Cea Rodríguez, UDC)

A transiçom do alunado da Rede de Escolas de Ensino Galego Semente para os institutos públicos constitui um momento crítico no processo de socializaçom linguística e identitária das novas geraçons galego-falantes. As Escolas Semente, enquanto projeto pedagógico de base comunitária, promovem uma imersom integral em língua galega, nom apenas como instrumento comunicativo, mais como eixo estruturante da construçom identitária e de resistência cultural face ao contexto de minorizaçom linguística vigente na Galiza.

A partir de umha perspetiva antropológica, esta transiçom pode ser analizada como um rito de passagem que evidencia fraturas entre dous regimes sociolinguísticos distintos: o espaço protegido e coerente das Escolas Semente e o ambiente maioritariamente castelhanizado dos institutos públicos. Este processo revela nom só as limitaçons das políticas linguísticas atuais, mais também os mecanismos institucionais que contribuem para a erosom do galego como língua de socializaçom adolescente.

O confronto com um novo ecossistema linguístico e simbólico pode comprometer a continuidade do uso do galego, ao expor o alunado a práticas linguísticas hegemónicas que desvalorizam a sua língua de origem. Neste sentido, a análise antropológica permite compreender as dinâmicas de poder, adaptaçom e resistência que emergem nesta etapa de transiçom, bem como os efeitos que estas exercem sobre a manutençom da língua e da identidade.

Este estudo contribui para a reflexom crítica sobre a situaçom de emergência linguística atual e sublinha a necessidade de desenvolver estratégias e políticas educativas que assegurem a continuidade do galego em todas as etapas do percurso educativo. Ao fazê-lo, promove-se nom apenas a revitalizaçom da língua, mais também a consolidaçom de um projeto coletivo de soberania cultural e linguística.

12h15 Pausa

12h30 | Mesa redonda: A emerxencia lingüística. Que podemos facer dende a antropoloxía?

Gabriela Prego (USC), Martín Vázquez (UVigo) e Ana Iglesias (UVigo)

Modera: Gabino Vázquez Grandío (ILG)

14h00 | Xantar


Tarde

16h00 | Comunicacións 2

Modera: José Antonio Cortés (Universidade da Coruña)

Peruanidad 2.0: Una etnografía digital sobre “bienestares”, estrategias y flujos transnacionales en la migración peruana a Galicia (David Oshige Adams, USC)

Como parte de la investigación para mi tesis doctoral, he realizado una etnografía digital no sistemática en grupos de Facebook y de Whatsapp cuyos miembros son peruanos y peruanas que han migrado desde el Perú a Galicia. Mi análisis se centró en la información que se comparte y cómo esto influye en la vida y el bienestar de los migrantes.

Os procesos de integración-exclusión social das persoas migrantes en Galicia: O rol das ONG (Antonela Mannelli, USC)

Esta comunicación presenta los avances de una investigación sobre papel de las organizaciones no gubernamentales (ONG) en los procesos de integración y exclusión social de personas migrantes en Galicia. El objetivo principal es examinar la relación entre los discursos institucionales y las prácticas cotidianas de los agentes que operan en estos espacios, así como los modelos de gestión de la diversidad cultural y su impacto en las trayectorias de inclusión de la población migrante.

El incremento de los flujos migratorios, el crecimiento de la diversidad social acompañado del aumento de las desigualdades, y la transformación del Estado de Bienestar —que ha promovido la externalización de los servicios sociales hacia el tercer sector— han situado a las ONG como actores centrales en la prestación de servicios a la población migrante. En este contexto, la investigación busca conocer cómo estas organizaciones gestionan la diversidad cultural, qué marcos ideológicos orientan sus intervenciones y qué estrategias despliegan tanto las personas migrantes como las trabajadoras del sector para incidir en los procesos de inclusión social.

La investigación es una etnografía con un enfoque autoetnográfico, reconociendo la experiencia personal y profesional de la autora —como antropóloga, migrante y participante activa en diversas ONG en Galicia— como una fuente legítima de conocimiento.

A partir de observaciones realizadas en los últimos años en diversas organizaciones, se presentan algunas situaciones que ilustran los contextos en los que se desarrollan las prácticas de atención, que no solo reflejan procesos globales que atraviesan y configuran la acción local, sino que también evidencian cómo estos espacios no actúan como meros receptores pasivos, sino que participan y transforman activamente las dinámicas desde una experiencia situada.

Máis aló da Big Mac: loxística, continxencia e axenciamentos precarios na repartición de comida en plataformas dixitais (Diego Allen-Perkins, USC; Carlos Diz, UDC)

Esta comunicación explora as dinámicas sociotécnicas que estruturan a repartición de comida a domicilio na economía de plataformas, tomando como obxecto central de análise a Big Mac de McDonald’s. A través dunha estratexia metodolóxica que combina a revisión documental, a observación etnográfica e a análise de material audiovisual xerado por traballadores, reconstrúese o percorrido loxístico deste produto icónico e evidéncianse as múltiples mediacións que fan posible o seu consumo estandarizado. A pesar da súa aparente simplicidade e previsibilidade, a Big Mac revela unha complexa rede de prácticas, infraestruturas e tecnoloxías que sosteñen a súa distribución en contornas urbanas mediadas algorítmicamente.

O foco empírico sitúase nas experiencias de riders en cidades españolas, prestando atención a como estes traballadores lidan coas continxencias inherentes á repartición urbana: desde fallos na xeolocalización ata obstáculos físicos, como a inaccesibilidade do destino ou condicións climáticas adversas. Neste contexto, o rider é conceptualizado como un “operador de continxencias”, unha figura crave cuxa axencia permite que o sistema loxístico manteña a súa promesa de eficiencia e homoxeneidade.

A educación afectivo-sexual en Galicia mediada polos centros de información e asesoramento para o alumnado de educación secundaria (​​Lucía Carballeira Vieites, Consorcio Galego)

A comunicación que presento aborda a miña Tese de doutoramento, coa que procuro a contribución ao campo da Antropoloxía e da Sexoloxía, centrado no traballo dos centros de información e asesoramento galegos, partindo dun enfoque sexológico, o foco sitúase na demanda do alumnado galego que recibe as formacións dos centros analizados, a fin de determinar se o que estes ofertan correspóndese co que demanda a mocidade. 

A pesar de que os anos pasen e os partidos políticos cambien, a sociedade continúa manifestando carencias no ámbito da Educación Afectivo-Sexual, é por iso que centramos a nosa investigación na demanda manifestada polo alumnado galego que recibe formacións en sexualidade, a fin de amosar a súa necesidade. 

Ao longo do traballo realizado abordamos a construción social da sexualidade poñendo o foco nos distintos modelos de Educación Afectivo-Sexual existentes e nos obxectivos da Educación Afectivo-Sexual, expoñendo as distintas controversias teóricas e facendo referencia ás figuras actuais no campo sexolóxico e da Educación Afectivo-Sexual. Tamén realizaremos unha análise conceptual ao redor da Educación afectivo-sexual, achegándonos a distintas definicións sobre a mesma desde diferentes disciplinas como a Filosofía e a Psicoloxía, deténdonos tamén na definición de sexualidade proporcionada pola OMS (Organización Mundial da Saúde) así como nos diferentes dereitos sexuais establecidos pola WAS (Asociación Mundial de Sexología, 1997). 

Percorremos a evolución histórica da Educación Afectivo-Sexual, centrándonos na precursora Liga Mundial para a Reforma Sexual sobre Bases Científicas ( LMRSBC), sinalando as figuras e achegas máis relevantes neste campo, e explicaremos o desenvolvemento evolutivo e cognitivo na adolescencia, observando as características do pensamento nesta etapa, así como o desenvolvemento da personalidade e identidade, a sexualidade e as condutas sexuais nesta etapa evolutiva. 

Realizamos asemade unha reflexión sobre a educación que se recibe nos centros de ensino secundario, destacando a relevancia do compoñente actitudinal, e abordamos orientacións psicopedagóxicas e principios didácticos, sinalando algúns materiais para implementar a Educación Afectivo-Sexual nas aulas de secundaria, finalizando coa importancia da formación de formadores. 

Reflectimos a metodoloxía empregada para realizar a investigación, así como o percorrido dos centros analizados, a súa oferta e a demanda do alumnado, pretendendo nesta investigación demostrar cómo a política é un dos parámetros educativos máis influíntes, e cómo converte á cultura nun instrumento de control social. 

Vestir o instante: Experiencia, moda e territorio no Zara da Rúa Compostela (A Coruña) (Eva María Infante Deus, UCM)

Esta comunicación explora as novas formas de consumo experiencial vencelladas ó universo da moda rápida, tomando como caso de estudo as estratexias implementadas por Zara na súa flagship store da Coruña. A través das Pop Ups no Nadal, das coleccións cápsula de edición limitada, das intervencións de marketing sensorial e da creación de espazos híbridos nas súas tendas, Zara propón un modelo de consumo que vai mais alá da compra tradicional para situarse no térreo do performativo, do emocional e do efémero.

Este fenómeno adquire unha dimensión particular na Coruña, cidade natal do Grupo Inditex, onde se configura unha relación simbiótica entre marca e territorio. Aquí, Inditex non só vende roupa: tamén produce cidade. As colaboración locais -aínda que coidadosamente pensadas-, como a edición especial ca marca Bonilla a la Vista e as exposición fotográficas organizadas pola Fundación Marta Ortega Pérez, permiten interpretar estas prácticas como procesos de hibridación entre a identidade de Zara e a marca-cidade da Coruña.

Neste contexto, proponse analizar estas dinámicas como formas de creación de valor simbólico e afectivo dentro do universo da moda. Deste xeito, enténdese que estas prácticas reforzan a fidelidade a través da estetización do espazo e da creación de experiencias memorables, ó tempo que reconfiguran os vínculos entre marca, cidade e cidadanía. Aventúrase que Zara non só capitaliza o efémero, senón que o converte nunha das súas estratexias centrais, resignificando a imaxe da Coruña en termos culturais, emocionais e patrimoniais.

AS INVISIBLES: Represión, resistencia e memoria das mulleres que participaron na resistencia antifranquista na comarca do Bierzo (1936-1951) (Sofía Crespo Baílez, UDC)

Despois do golpe de Estado do 18 do xullo de 1936, moitas persoas, naqueles lugares que xeograficamente o permitían, “botáronse ao monte” para salvar a vida. Un destes lugares era O Bierzo. Máis alá das accións armadas nos montes, estes grupos de resistentes contaban con toda unha rede de apoios e vínculos que serían a súa base e sustento. Non é casual que a maioría das mulleres que participaron na resistencia formaran parte deste colectivo. Este traballo pretende analizar que papel xogaron as mulleres na resistencia antifranquista entre 1936 e 1951. Para iso aplicarase unha metodoloxía etnográfica cualitativa coa que estudaremos que formas de represión específica actuaron contra estas mulleres no marco franquista da loita contra a guerrilla, e que lagoas e silencios podemos atopar hoxe, na sociedade berciana, respecto da memoria daqueles anos.

17h30 Pausa

17h45 Asambleia ordinaria AGANTRO

19h00 Peche


Inscricións

A asistencia ao encontro é libre e gratuíta ata completar aforo (non é necesario ser socia/o de AGANTRO, pero é necesaria inscrición).

Para asistir inscríbete neste formulario: https://forms.gle/Q5WuogEdDvYxP8Bg6

Prazo para inscribirte: ata o 30 de mayo (12h)