Novas ferramentas para facer antropoloxía hoxe III
A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza catro obradoiros que se van desenvolver os días 3, 10, 17 e 24 de outubro de 2025, de forma presencial, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), en horario de 17 a 20h.
Estes catro obradoiros, de 3 horas de duración, ofrecen algunhas das múltiples ferramentas e experimentacións etnográficas desenvolvidas pola antropoloxía nos últimos tempos para facer fronte aos novos retos das sociedades actuais. Este ciclo formativo sobre as novas ferramentas para a investigación antropolóxica supón a continuación da programación das dúas edicións anteriores.
Os obradoiros están pensados para incitar a experimentar con modalidades de indagación etnográfica novas e para espertar a inventiva necesaria para producir preguntas, ferramentas e dispositivos de investigación etnográfica que estean á altura dos desafíos da nosa contemporaneidade.
O ciclo ten un fin práctico, amosando casos concretos e reais froito da investigación antropolóxica e do traballo de campo dos e das docentes, de xeito que se ofrezan diferentes modelos e exemplos de intervención, ou de achegamento a este campo de estudo, que poidan servir de inspiración ou guía aos asistentes nos seus futuros proxectos.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Os obradoiros serán impartidos de xeito presencial, no Museo do Pobo Galego, en horario de 17 a 20h.
Co apoio de:

Para máis información: agantro@gmail.com
Programa
Espazo de conversa e de escoita, mediado polo debuxo e a escritura, para afondar na relación entre oralidade, memoria e debuxo a partir de técnicas como o relatograma ou o memograma dirixido a calquera persoa que teña curiosidade por aprender a relatar de modo gráfico e a experimentar outros modos de escoitar e mirar o que sucede ao noso redor, recollendo memorias pasadas e presentes.
- Horario: 17h-20h.
- Docente: Adela Vázquez Veiga, investigadora e docente universitaria, con experiencia nos ámbitos da conservación do patrimonio cultural. Na actualidade é codirectora do espazo cultural independente O Gabinete.
O cambio climático está aquí e afecta o devir presente e futuro das nosas sociedades. En canto moitos estudos e intervencións se centran en contextos nos que a crise climática se expresa con maior gravidade (como en contextos de inundacións, secas ou megaincendios), pouco fixemos en relación ás cotiandades nas que estes cambios se expresan de forma sutil e familiar. Paradoxalmente, son os encontros máis habituais coa nova realidade climática. Este seminario expón unha serie de premisas teóricas e recomendacións metodolóxicas para facer fronte ao estudo etnográfico e a intervención desas cotiandades, baseándonos en experiencias recentes de traballo de campo en distintas partes de Galicia.
- Horario: 17h-20h
- Docente: José Antonio Cortés, profesor na Facultade de Socioloxía da UdC. Os seus intereses de investigación céntranse nas políticas de patrimonialización e conservación ambiental, as relacións humano-ambientais e os coñecementos ambientais, a ecoloxía política, a economía verde e a relación entre capitalismo, natureza e políticas de conservación.
Neste seminario ofreceranse as ferramentas teóricas e prácticas necesarias para abordar a creación de proxectos divulgativos vencellados á música e o baile tradicionais galegos e á súa comunidade portadora. Así, partiremos das achegas conceptuais, culturais e identitarias que nos ofrecen os montes en man común para, desde aí, imaxinar accións culturais sustentables, que repercutan no benestar da colectividade.
- Horario: 17h-20h
- Docente: Xulia Feixoo, percusionista, historiadora da arte e etnomusicóloga. Na actualidade é investigadora predoutoral FPI na Universidade de Valladolid.
Este seminario tenta desde o ecofeminismo, pero tamén desde correntes afíns como a economía feminista e a economía ecolóxica feminista, indagar nas posibilidades de xerar unha investigación militante e orientada cara a transferencia de coñecemento e a co-creación de ciencia en contextos rurais, especialmente con mulleres do sector primario. Veremos os elementos que a posibilitan e as dificultades que poden xurdir no proceso.
- Horario: 17h-20h
- Docente: Bibiana Martínez Álvarez, doutora en Antropoloxía social. O seu interese de investigación enmárcase no campo rural, concretamente nos procesos de produción (principalmente de alimentos) e reprodución que se dan neste ámbito e a súa relación coa resiliencia e os coidados.

