SEMINARIOS SOBRE ANTROPOLOXÍA VISUAL “Outra forma de ollar”
A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego, e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza dez seminarios formativos que se van desenvolver entre o 4 e o 15 de outubro de 2021, de 18 a 20 horas.
Un dos enfoques que vén collendo máis peso nas últimas décadas é o da antropoloxía visual, ferramenta antropolóxica que se basea no uso da imaxe como instrumento adecuado tanto para a observación, como para a descrición e análise da realidade humana ou do feito social e/ou cultural a estudar. Esta disciplina considera o uso das técnicas de rexistro audiovisual como medio de escrita e publicación do resultado da investigación pero, ademais, tamén inclúe o estudo da imaxe en sentido amplo. O coñecemento dos interesantes traballos que están a realizar e a crecente utilización da linguaxe audiovisual por parte da antropoloxía á hora de enfocar ou de presentar os resultados das investigacións, unido á constatación das reducidas canles de divulgación destes valiosos traballos e de promoción das persoas autoras/investigadoras, xustifica este ciclo formativo.
A AGANTRO, no seu papel de sensibilizar sobre o coñecemento antropolóxico e de visibilizar os diferentes campos de acción da antropoloxía considera moi oportuno, nestes tempos onde a imaxe, o intanxible e o virtual das relacións sociais impera, pór o foco na antropoloxía visual. Estes presentes seminarios queren afondar nestas liñas da investigación e pór ao dispor das persoas participantes coñecementos e exemplos prácticos de proxectos ao redor da antropoloxía visual que poidan servir de modelos.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios.Inscrición aquí. Os seminarios serán impartidos online, na plataforma Jitsi (as instrucións de conexión enviaranse no mesmo día do seminario con suficiente antelación).
INSCRICIÓN PECHADA
Para máis información: agantroweb@gmail.com
Programa
1. Luns 4 de outubro. Presentación. Joan Roura Expósito – Introdución á Antropoloxía Audiovisual.
- Presentación dos seminarios a cargo dunha persoa da AGANTRO.
- O seminario ofrece un primeiro achegamento á disciplina da antropoloxía audiovisual, pondo a énfase no valor etnolóxico, relacional e conectivo das imaxes por riba de consideracións de carácter estético. Na primeira parte, vanse presentar debates teóricos sobre a significación, uso e apropiacións sociais da imaxe, así como sobre a súa autonomía e obxectividade relativa para transmitir coñecemento antropolóxico. Na segunda parte, forneceranse ferramentas para observar, describir e analizar a vida social a través de medios audiovisuais, facendo fincapé no potencial metodolóxico de introducir cámaras de foto ou vídeo na investigación etnográfica. Finalmente, na terceira parte, imos facer un breve percorrido pola historia do cine documental, mostrando as achegas de distintos autores e correntes cinematográficas que a través do tempo foron problematizando as formas de captura e codificación da “realidade” social (en sintonía con transformacións máis amplas da antropoloxía). Docente: Joan Roura Expósito (antropólogo – Incipit-CSIC)
2. Martes 5 de outubro. Ana Durán Penabad e Roberto de la Torre. Debate ao redor da presenza do fotógrafo no campo.
- Debate sobre a influencia da presenza do fotógrafo no campo. Como pode alterar o marco de observación, como se transforma a interacción cando a cámara está presente.
- Ana Durán Penabad. Presentación de “Canxar. Revista de fotografía etnográfica”, un proxecto de antropoloxía visual da Sociedade Antropolóxica Galega.
- Presentación da publicación “Canxar. Revista de fotografía etnográfica”. Un proxecto da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) no eido da antropoloxía visual, para visibilizar o traballo dos/as fotógrafos/as que traballan no campo da etnografía e dos/as antropólogos/as que utilizan a imaxe como texto etnográfico.
- Docentes: Roberto de la Torre (fotógrafo etnográfico) e Ana Durán Penabad (fotógrafa e secretaria da SAGA)
3. Mércores 6 de outubro. César Llana – A experiencia do Museo Etnolóxico de Ribadavia na antropoloxía visual.
O Museo Etnolóxico de Ribadavia é unha das institucións de referencia en Galicia na antropoloxía en Galicia. Os seus fondos contan con importantes coleccións de fotografía etnográfica e son varias as publicacións, actividades e exposicións que, ao longo da súa historia, tocaron o campo da antropoloxía visual. Neste seminario falarase dos seus proxecto no eido da antropoloxía visual e a fotografía etnográfica. Docente: Cesar Llana (director do Museo Etnolóxico de Ribadavia)
4. Xoves 7 de outubro. Rafael Quintía Pereira – “O País da Moura”. Unha investigación etnográfica en formato visual.
“O país da Moura” é un documental etnográfico, realizado por Ab Origine. Antropoloxía SLL, onde se aborda o mito galego da Moura. Por unha banda, dáse a coñecer parte da riqueza mitolóxica que atesoura Galicia, en concreto as lendas que configuran o mito da Moura a través de ducias de testemuños orais recollidos no traballo e campo e, por outra banda, faise un percorrido por diferentes lugares do noso territorio vencellados a estes mitos (xeografías míticas) e cuxo valor natural, arqueolóxico, etnográfico ou cultura é significativo e de grande importancia para entender e contextualizar os relatos orais recollidos e transmitidos neste audiovisual. Docente: Rafael Quintía Pereira (antropólogo)
5. Venres 8 de outubro – César Souto Vilanova e Luis Avilés. “O día dos afogados” un exemplo de documental social.
En 1992, a construción do encoro de Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Os ses habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nen os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron a súas cámaras domésticas e comenzaron a gravar. As súas imaxes, gravadas dende mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares. Son, ao mesmo tempo, un acto de fe nas posibilidades do cine doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Máis alá do íntimo, revélanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o Poder. A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis alá de si mesma. Docente: César Souto Vilanova e Luis Avilés (directores de cine)
6. Luns 11 de outubro – Bibiana Martínez Álvarez – A alteridade no cinema etnográfico.
Este seminario pretende abordar a cuestión da alteridade, do “outro”, central na antropoloxía social a través do cinema etnográfico. Como é abordada esta cuestión polos realizadores á hora de formular as súas películas, cal é o seu posicionamento con respecto ao obxecto de estudo, e ao mesmo tempo como estes “outros” son representados. Todo isto farase a través dalgunhas nocións centrais no estudo da etnografía e tamén con exemplos concretos de realizadores e as súas películas. Docente: Bibiana Martínez Álvarez (doutora en Antropoloxía Social)
7. Martes 12 de outubro. Humberto Martins – Contextos Exibicionais da Antropologia Visual em Portugal. A experiência da Mostra de Filme Etnográfico da Associação Portuguesa de Antropologia.
Neste seminário será abordada a difusão e contextos de exibição do filme etnográfico em Portugal. Parte-se do exemplo da mostra de filme etnográfico da APA e das suas extensões por departamentos e centros de investigação para reflectir sobre a situação do filme etnográfico em Portugal, a curadoria de eventos que tenham o filme e os produtos audiovisuais etnograficamente marcados. Abordar-se-á ainda o lugar do filme etnográfico e da antropologia visual mais em geral na antropologia portuguesa e suas virtudes epistemológicas. Docente: Humberto Martins, (antropólogo – UTAD; CRIA-UMinho)
8. Mércores 13 de outubro. Illa Bufarda e Lukas Santiago – Reflexións e experiencia da perspectiva de empresas audiovisuais que gravaron documentais de cariz etnográfico.
- Lukas Santiago. Produto audiovisual vs rexistro documental. A importancia das historias de vida e da creación de arquivos audiovisuais: O produto audiovisual. A realización e o seu papel como ferramenta de divulgación. O rexistro documental. A gravación audiovisual para a creación de contidos e o seu valor como fonte documental. A entrevista. As Historias de vida: a mellor estratexia para o rexistro documental. As persoas maiores como tesouro. O valor dos testemuños: historia oral, memoria histórica, antropoloxía cultural, lingua, toponimia, etc A importancia de realizar un rexistro documental das historias de vida parroquia a parroquia. A creación de arquivos audiovisuais como legado para as xeracións futuras. Docente: Lukas Santiago (realizador e arqueólogo)
- Illa Bufarda. “Experiencias audiovisuais: coa cámara no traballo de campo”. Na produtora Illa Bufarda conxugamos o audiovisual co proceso etnográfico para achegarnos a aspectos culturais e á memoria que nos definen e restitúen no mundo. A través da experiencia do noso último filme, “Negro Púrpura”, reflexionamos sobre o achegamento á realidade que facemos coa cámara, en como esta provoca un pacto de relacións entre creadoras e suxeitos e en como o propio cine interfire no comportamento e confesións que suceden ante el. Docentes: Illa Bufarda (Sabela Iglesias e Pilar Abades)
9. Xoves 14 de outubro. Ana Estévez Lavandeira – Antropoloxía visual e cinema etnográfico en Galicia: a MICE Museo do Pobo Galego.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico naceu en 2006 como un evento do Museo do Pobo Galego para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas nas que se enmarca o traballo da entidade. Nestes anos de celebración, a MICE pretendeu xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia da antropoloxía e a teoría e práctica cinematográfica e as súas posibilidades na actualidade. Docente: Ana Estévez Lavandeira (AGANTRO e Museo do Pobo Galego)
10. Venres 15 de outubro. Íñigo Sánchez-Fuarros – “Escoitar o que vemos, narrar o que ouvimos. Apuntamentos para unha antropoloxía sonora”. Clausura.
- Este seminario é un convite a pensar a práctica etnográfica desde o sonoro. Como todas e todos sabemos, a etnografía non só reflicte unha forma holística e naturalista de ver o mundo, senón que tamén pode entenderse como unha forma de estar nel como participante activo. O papel central do son como mediador entre o corpo e a contorna, xunto á súa capacidade para mobilizar subxectividades e imaxinarios, colocou recentemente o son e a escoita no centro da investigación etnográfica. Así, partindo da proposta de Steven Feld de explorar as posibilidades do son como unha forma de coñecemento situado e relacional, esta sesión tentará xerar unha discusión acerca do que podería ser unha antropoloxía sonora, así como das implicacións e posibilidades de facer etnografía a través do son. Docente: Íñigo Sánchez-Fuarros, (antropólogo – Incipit CSIC)
- Clausura a cargo dunha persoa membro da AGANTRO.