A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza catro obradoiros que se van desenvolver os días 4, 11, 18 e 25 de outubro de 2024, de forma presencial, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), em horario de 17 a 20h.
Estes catro obradoiros, de 3 horas de duración. ofrecen algunhas das múltiples ferramentas e experimentacións etnográficas desenvolvidas pola antropoloxía nos últimos tempos para facer fronte aos novos retos das sociedades actuais. Este ciclo formativo sobre as novas ferramentas para a investigación antropolóxica supón a continuación da programación iniciada na edición de 2023.
Os obradoiros están pensados para incitar a experimentar con modalidades de indagación etnográfica novas e para espertar a inventiva necesaria para producir preguntas, ferramentas e dispositivos de investigación etnográfica que estean á altura dos desafíos da nosa contemporaneidade.
O ciclo ten un fin práctico, amosando casos concretos e reais froito da investigación antropolóxica e do traballo de campo dos e das docentes, de xeito que se ofrezan diferentes modelos e exemplos de intervención, ou de achegamento a este campo de estudo, que poidan servir de inspiración ou guía aos asistentes nos seus futuros proxectos.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Os obradoiros serán impartidos de xeito presencial, en horario de 17 a 20h.
Deixar unha resposta