Pensar camiñando: traballos, identidades e territorios en transformación
IX CONGRESO AGANTRO 2026
6 de xuño de 2026 | Vigo – Moaña

O Congreso AGANTRO 2026 propón este ano un formato diferente: saír á rúa, camiñar xuntas, e pensar dende o territorio. Fronte ao modelo convencional de comunicacións en sala, apostamos por un congreso peripatético, no que o propio desprazamento polo litoral se converte en parte da reflexión.
Camiñar ten unha longa tradición na práctica antropolóxica. A observación, o encontro, o percorrido e a escoita no lugar son ferramentas fundamentais do noso oficio. Este congreso quere recuperar ese xesto: poñer o corpo en movemento como condición para o pensamento, facer do paseo un espazo de intercambio científico e de comunidade disciplinar.
O percorrido pola ría servirá de fío condutor para abordar algúns dos grandes temas que atravesan a antropoloxía contemporánea: os traballos e as economías en transformación, as identidades ligadas ao territorio e ao mar, os procesos de cambio ambiental, a xentrificación e o turismo, as loitas polo patrimonio e pola memoria, as reivindicacións ecofeministas ligadas coa contorna… Territorios como os que percorreremos son laboratorios vivos destas tensións: espazos onde o pasado de expolio industrial convive cun presente fráxil e complexo.
Convidamos a todas as socias e socios a participar con comunicacións breves, sen apoio audiovisual, pensadas para ser presentadas ao aire libre, en diálogo coa contorna. A idea semella sinxela: parar, coller o barco, escoitar, camiñar de vagar, pensar…
O percorrido
Saída pola mañá desde a Estación Marítima de Vigo ás 10:30 h, travesía en barco de liña pola ría, cunha introdución guiada sobre o patrimonio conserveiro e pesqueiro do litoral. O congreso desenvolverase a pé, con paradas no propio territorio. O traxecto polo Camiño Real de Moaña é bastante chan, aínda que ten un pequeno desnivel. Recomendamos calzado cómodo.
Pola tarde celebrarase a Asemblea Xeral Ordinaria de AGANTRO, coa saída de regreso desde Moaña prevista para as 19 h. En caso de mal tempo, a organización habilitará un espazo alternativo para o desenvolvemento das xornadas.

O noso anfitrión
Martín Barreiro Cruz, arquitecto urbanista y Doctor por la Politécnica de Milán (2013), es especialista en planificación urbanística, espacio público y movilidad. Socio fundador del laboratorio de urbanismo Estudio Rurbany ha trabajado en proyectos de movilidad sostenible y planeamiento, incluyendo intervenciones en la provincia de Pontevedra.
Recomendacións prácticas
O congreso desenvolverase ao aire libre, camiñando polo litoral de Moaña. Para disfrutar da xornada, recomendamos:
- Calzado cómodo e axeitado para camiñar
- Roupa cómoda e adaptada á previsión meteorolóxica do día
- Protección solar (crema, sombreiro ou viseira)
- Auga e algo de picar para o camiño
- Pícnic para o xantar
- Impermeable ou chubasqueiro lixeiro, por se as moscas
En caso de choiva intensa, a organización habilitará un espazo alternativo para o desenvolvemento das xornadas.
Programa provisional
10:00 Encontro no Porto de Vigo (Estación Marítima de Vigo)
10:30 Travesía en barco a Moaña. Presentación das xornadas durante a travesía
11:00 Chegada ao Porto de Moaña · BLOQUE 1 · Territorios, memoria e identidade
Camiñando o territorio: falando e pensando sobre das identidades | Lucía Carballeira Vieites · Consorcio Galego
Repensar o espazo doméstico na Galiza rural (séculos XIX–XX): xénero, clase e desigualdade social | Virginia Mosteiro Cagide · Universidade de Santiago de Compostela
No somos nada | Sofía Crespo Baílez · Universidade da Coruña
Subirse al altar: entre la memoria vecinal y la reinvención en la fiesta de las Mayas de Lavapiés | Lucía Rodríguez Alcocer · Incipit, CSIC
12:00 Roteiro polo Camiño Real con Martín Barreiro Cruz (camiño á 2ª parada, ~15 min)
12:15 2ª PARADA · BLOQUE 2 · Medio ambiente, prácticas e innovación metodolóxica
Artefactos visuais e interactivos para unha etnografía da natureza urbana na Coruña | Noel Castro Fernández · Universidade da Coruña
Entrevistas semiestruturadas sobre silvicultura e cambio climático: estudo de caso en Ames | Martín Represa Pedrosa · Universidade da Coruña
Os coidados no mundo rural contemporáneo: espazos de resistencia e interculturalidade | Antía Seco Cendán · Instituto de Ciencias do Patrimonio
O barrio como aula viva: paseos para unha educación (socio)ecolingüística | Luz Zas Varela · Universidade de Santiago de Compostela
13:15 Roteiro polo Camiño Real con Martín Barreiro Cruz (camiño á 3ª parada, ~15 min)
13:30 3ª PARADA · Xantar
15:30 BLOQUE 3 · Litoral, traballo e conflito urbano
Bañugueras de mar, tierra y entraña: las huellas de las mujeres sin miedo | Rocío Pérez Gañán · Universidad de Oviedo
Narrar o litoral en disputa: patrimonialización e acción cidadá desde Beiramar da Xente | Eva Rodríguez · Beiramar da Xente
Segregación espacial na cidade neoliberal: o modelo revanchista do Barrio do Cura en Vigo | Alberto Vilaboa Pérez-Casalderrey · Foro cidadán As Ninguéns
Mareas en disputa: unha análise prospectiva do sector marisqueiro na ría de Ferrol | Alba Vidal Ruiz · Universidade da Coruña
Esvaecemento asociativo e ruptura ecolóxica: unha ollada ecofeminista ao envellecemento e despoboamento do rural galego | Alicia González Barreiro · Universidade de Vigo
16:45 Camiño á Asociación de Mulleres de Moaña (Av. de Concepción Arenal, nº 170)
17:00 Asemblea Xeral Ordinaria de AGANTRO
18:15 Fin da xornada · Camiño ao peirao
19:00 Barco de volta a Vigo
Inscrición
A inscrición é gratuíta para todas as socias e socios de AGANTRO, ASAEE e APA ao corrente da cota. Para as persoas non asociadas, a cota de inscrición é de 10 €, que inclúe o billete de barco. As socias e socios ao corrente da cota aboarán o billete de barco (1,80 € ida e volta) o día do congreso.
O xantar farase en formato pícnic e corre por conta de cada participante.
A inscrición é obrigatoria para todas as persoas participantes.
Para inscribirse: https://forms.gle/duMisv5AiYdAaJ4a6
Prazo de inscrición: 31 de maio de 2026
Comité organizador
Iria Vázquez Silva (UVigo)
Sergio Pereira Ibáñez (NOSO Cooperativa)
Ana María Durán Penabad (UVigo)
Paula Sánchez-Carrera (INCIPIT, CSIC)
Comité cientifico
José Antonio Cortés Vázquez (UDC)
Bibiana Martínez Álvarez (USC)
Diego Allen Perkins (USC)
Iñigo Sánchez Fuarros (INCIPIT, CSIC)
Gabino Vázquez Grandío (ILG-USC)
Resumos
BLOQUE 1 · Territorios, memoria e identidade
Camiñando o territorio: falando e pensando sobre das identidades | Lucía Carballeira Vieites · Consorcio Galego
Como punto de partida para a conversa, esta comunicación reflexiona sobre as identidades sexuais e de xénero como constructos cambiantes e continxentes, atravesados polas lóxicas das redes sociais e os discursos culturais hexemónicos. Partindo de Foucault, proponse un espazo de diálogo sobre como se están a construír as identidades nun contexto de presión consumista e comparación constante, e sobre as posibilidades de camiñar cara a formas máis libres e harmónicas de recoñecerse.
Repensar o espazo doméstico na Galiza rural (séculos XIX–XX): xénero, clase e desigualdade social | Virginia Mosteiro Cagide · Universidade de Santiago de Compostela
Esta investigación examina os procesos de diferenciación nas sociedades rurais contemporáneas a través do estudo do espazo doméstico campesiño na Galiza dos séculos XIX e XX. Desde un enfoque interdisciplinar inspirado no materialismo histórico, analízanse as relacións de clase e xénero no contexto agrario, cuestionando representacións reducionistas da “casa galega” e visibilizando as experiencias de suxeitos historicamente excluídos.
3. No somos nada | Sofía Crespo Baílez · Universidade da Coruña
Desde unha perspectiva narrativo-biográfica, esta comunicación analiza a construción e transmisión da memoria sobre a represión franquista no municipio berciano de Ocero. O territorio aparece non como mero escenario, senón como elemento central na configuración das memorias e identidades familiares. Presta especial atención ao papel das mulleres como garantes da memoria oral e material nun contexto rural marcado polo control social e o illamento.
4. Subirse al altar: entre la memoria vecinal y la reinvención en la fiesta de las Mayas de Lavapiés | Lucía Rodríguez Alcocer · Incipit, CSIC
Esta comunicación explora as friccións identitarias que reflicten as festas das Mayas no barrio madrileño de Lavapiés, entendendo o patrimonio inmaterial como unha entidade viva e en constante transformación. A través dos altares tradicionais e dos chamados “altares diversos”, analízanse as tensións entre a reivindicación dun casticismo popular e as novas formas de pertenza nun barrio sometido a unha acelerada transformación urbana.
BLOQUE 2 · Medio ambiente, prácticas e innovación metodolóxica
Artefactos visuais e interactivos para unha etnografía da natureza urbana na Coruña | Noel Castro Fernández · Universidade da Coruña
Esta comunicación presenta un conxunto de artefactos visuais e interactivos —un atlas dixital, un xogo de cartas e un ensaio fotográfico— realizados arredor da natureza urbana da Coruña. Explórase como distintos formatos poden funcionar como ferramentas de atención cara a formas de vida non-humanas na cidade, cuestionando os réximes de valor e estética que organizan a experiencia urbana e desenvolvendo maneiras de estar-con e pensar-co vexetal nun presente de crise ambiental.
Entrevistas semiestruturadas sobre silvicultura e cambio climático: estudo de caso en Ames | Martín Represa Pedrosa · Universidade da Coruña
A partir de 16 entrevistas semiestruturadas a perfís diversos, esta comunicación reconstrúe os idearios sobre o monte nun concello galego. Os discursos amosan un monte vivido como activo económico e territorio atravesado por custos, minifundio e relación desigual coa administración. O cambio climático aparece como experiencia vivida e como intensificador dun problema estrutural previo, e o traballo propón criterios realistas para a prevención e a xestión colectiva.
Os coidados no mundo rural contemporáneo: espazos de resistencia e interculturalidade | Antía Seco Cendán · Instituto de Ciencias do Patrimonio
Esta comunicación presenta unha investigación sobre o proxecto “Mulleres que Contan”, unha iniciativa de creación audiovisual comunitaria que reúne mulleres maiores e mulleres migrantes en concellos rurais de Galicia para construír un relato común sobre as prácticas de coidados. Desde a observación participante e o ecofeminismo, explóranse as redes de apoio comunitarias como lugares de resistencia e proxectos políticos de futuro no rural en despoboamento.
O barrio como aula viva: paseos para unha educación (socio)ecolingüística Luz Zas Varela · Universidade de Santiago de Compostela
Esta comunicación presenta unha proposta de intervención educativa desenvolvida no marco da formación inicial do profesorado, que sitúa o paseo guiado polo barrio como eixo metodolóxico central. Camiñar o territorio permite observar, escoitar e interpretar a relación entre diversidade lingüística e sustentabilidade, transformando o espazo urbano nun lugar de aprendizaxe vivo onde as linguas, os nomes e os relatos da comunidade se converten en materiais pedagóxicos.
BLOQUE 3 · Litoral, traballo e conflito urbano
Bañugueras de mar, tierra y entraña: las huellas de las mujeres sin miedo Rocío Pérez Gañán · Universidad de Oviedo
A partir de historias de vida de mulleres dunha comunidade costeira asturiana, esta comunicación reconstrúe unha memoria tecida entre o salitre, a horta, a fábrica e o fogar. Desde a antropoloxía feminista, analízase como a identidade das bañugueras se construíu en torno ao traballo duro, a fortaleza e a transmisión interxeracional de saberes e formas de estar no mundo, explorando as tensións entre continuidade e cambio nas novas xeracións.
Narrar o litoral en disputa: patrimonialización e acción cidadá desde Beiramar da Xente | Eva Rodríguez · Beiramar da Xente
Esta comunicación presenta unha aproximación etnográfica á iniciativa cidadá Beiramar da Xente, analizando as súas prácticas de produción discursiva e acción colectiva en defensa do patrimonio industrial do litoral de Vigo. Desde unha posición situada como integrante do colectivo, explóranse os procesos de construción de narrativas alternativas sobre o territorio, a memoria do traballo e o conflito patrimonial fronte aos modelos urbanos orientados á especulación inmobiliaria.
Segregación espacial na cidade neoliberal: o modelo revanchista do Barrio do Cura en Vigo | Alberto Vilaboa Pérez-Casalderrey · Foro cidadán As Ninguéns
Esta comunicación reflexiona sobre o proxecto de rexeneración urbana do Barrio do Cura en Vigo, analizando como os intereses financeiros globais interveñen localmente para obter plusvalías a través do mercado inmobiliario. Con axuda de técnicas etnográficas, indágase nas prácticas espaciais e políticas que operan para substituír a veciñanza tradicional, así como nas dinámicas de resistencia cidadá fronte a un urbanismo revanchista que elitiza o espazo.
Mareas en disputa: unha análise prospectiva do sector marisqueiro na ría de Ferrol | Alba Vidal Ruiz · Universidade da Coruña
Esta comunicación aborda o marisqueo a pé como práctica económica atravesada por desvalorización, precariedade e segregación de xénero, nun contexto de cambio socioambiental acelerado. Tomando a ría de Ferrol como caso de estudo, propón unha análise crítica das relacións socioambientais mediadas por relacións de poder, prestando atención á vulnerabilidade de xénero e clase, e á especificidade histórica dun territorio marcado pola industrialización extrema.
Esvaecemento asociativo e ruptura ecolóxica: unha ollada ecofeminista ao envellecemento e despoboamento do rural galego | Alicia González Barreiro · Universidade de Vigo
Esta comunicación analiza a crise do tecido asociativo feminino no rural galego desde o ecofeminismo crítico e a Animación Sociocultural. A disolución das asociacións de mulleres rurais non só agrava o illamento social, senón que provoca a ruptura coa transmisión interxeracional de saberes ecolóxicos tradicionais. Proponse unha intervención de urxencia pedagóxica que actúe como ponte xeracional e integre as novas poboacións neo-rurais.
Comunicacións
Admitimos comunicacións breves (8-10 min) sen apoio audiovisual, que se presentarán nas paradas do roteiro. Animamos a explorar outros recursos expositivos adaptados ao formato itinerante: obxectos, materiais impresos, entregables ou calquera soporte que poida compartirse e transportarse con facilidade. Os eixes temáticos orientativos son:
Traballos e economías do marIdentidades, comunidade e territorio costeiroMarisqueo e pesca: saberes e transformaciónsMedio ambiente e cambio climáticoXentrificación, turismo e patrimonializaciónEcofeminismos no territorio
As propostas non teñen por que axustarse estritamente a estes eixes: son un punto de partida para a conversa.
Como participar
Envía un título e un breve resumo (máx. 300 palabras) a través do seguinte formulário: https://forms.gle/UcksUPzCdcKTLmjbA
++ Data límite: 8 de maio de 2026 ++
A participación no congreso é aberta a todas as socias e socios ao corrente da cota.
Programa e inscrición de asistentes
O programa provisional será publicado a mediados de maio. As inscricións para participar no congreso sen presentar comunicación abriranse tamén a mediados de maio.

Deixa unha resposta