Dende Agantro queremos prestar atención e apoiar a impartición da optativa de Antropoloxía que se pode ofrecer a todo o estudantado de 1º de bacharelato de Galicia. Porque? Porque estamos convencidos de que aporta o coñecemento e a reflexividade cada vez máis necesario.
Para iso, activamos un grupo de traballo que se centrará nos seguintes obxectivos:
1. Calidade da docencia: Asociar a docencia de Antropoloxía á formación dos e das docentes en Antropoloxía (independentemente do departamento ao que pertenzan).
2. Publicidade: Crear materiais que fagan visible e atractiva a materia de Antropoloxía e que convide ao estudantado a cursala.
3. Crear rede: Pór en contacto ao profesorado que imparte esta materia coa idea de crear rede.
4. Elaboración de materiais: Renovar os materiais educativos da materia e articular a forma de compartilos para crear unha bolsa de recursos para aplicar na aula.
5. Socializar a materia: Pensar en aproveitar a rede de ensinantes de Antropoloxía en secundaria para pensar actividades conxuntas de visitas a diferentes espazos, museos, organizar mini congreso de investigación antropolóxica no ensino secundario etc.