A Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) é unha asociación de profesionais da antropoloxía que foi constituída no 29 de xuño de 1993. Neste período a asociación está inmersa nun proceso de renovación da súa estrutura, estatutos e de reactivación, tomando un novo impulso para loitar por unha antropoloxía que non desexamos que esmoreza.

Agantro ten como obxectivo principal mellorar a profesionalización e desenvolver a antropoloxía, abrindo as canles de comunicación coas administracións, incidindo na inclusión da nosa disciplina naquelas actividades culturais e ofertas de emprego correspondentes á nosa formación. Mais tamén apoiar a posta en valor das múltiples ramificacións da cultura galega e xerar un foro de debate e comunicación no que teñan cabida os diferentes xeitos de entender e practicar a antropoloxía alén da academia, tendendo pontes e fortalecendo as relacións co tecido asociativo que durante tantos anos mantivo viva a investigación e a divulgación.

Como froito destas accións nos últimos anos conseguimos que habilitasen ás persoas con titulación de antropoloxía para a docencia no ensino secundario, a inclusión da antropoloxía nas bolsas de museos e tamén temos canles activos de comunicación coas administracións para informar das nosas posibles funcións e así incluír á antropoloxía noutras convocatorias públicas.

Tamén tratamos de tecer redes e potenciar espazos para a conexión e a comunicación entre as persoas asociadas, pular pola investigación antropolóxica, realizar actividades de divulgación e difusión e visibilizar a relevancia da antropoloxía cara á sociedade. Nesta liña de reactivación das actividades relacionadas coa asociación levamos dous anos colaborando coa Mostra de Cinema Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, e no ano 2019 participamos na organización do XIV congreso da Sociedade Internacional de Etnoloxía (SIEF) en Santiago de Compostela co obxectivo de fortalecer a antropoloxia galega e convidar a unhas 1000 persoas asistentes á coñecer o noso traballo. No ano 2019 coa homenaxe de Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas Agantro tamén contribuíu na divulgación das súas achegas á cultura galega. Agantro tamén é parte da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE) e participamos das reflexións sobre a antropoloxía alén das nosas fronteiras.

Contacto e máis información