VIII Congreso AGANTRO 2025

A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas

 Colaxe elaborado por Cuqui, bibliotecaria na Bib. Ágora. Imaxen da campaña das BMC para as Letras Galegas 2021. Distribuída baixo licenza Creative Commons.

Por primeira vez na historia, o galego deixou de ser a lingua maioritaria en Galicia. O proceso de substitución lingüística é especialmente acusado entre a mocidade, contando apenas 34.000 falantes entre os menores de 14 anos. Esta realidade, compromete seriamente as perspectivas da lingua no medio prazo, prendendo as alarmas da emerxencia lingüística. Que pode facer a antropoloxía ante esta situación?

As relacións entre lingua e cultura foron un tema clásico da antropoloxía, se ben en Galicia recibiron, polo de agora, unha atención limitada da nosa disciplina. Por unha banda, cómpre contribuír aos debates establecidos pola sociolingüística explorando, por exemplo, as relacións de poder e as ideoloxías tralas prácticas lingüísticas ou afondando na comprensión dos procesos de creba e mantemento da transmisión lingüística interxeracional mediante o estudo situado da socialización lingüística. Por outra, faise preciso ampliar a ollada e integrar a lingüística como unha dimensión máis dos procesos complexos de transformación da sociedade galega, a presión socioeconómica sobre o mundo rural, o inverno demográfico e os movementos migratorios, ou as descontinuidades cada vez máis disruptivas froito das novas tecnoloxías.

Os vínculos entre lingua e identidade cultural continúan tamén a ser un eido fértil de estudo, no que explorar como o galego se entretece con outras manifestacións do patrimonio inmaterial. Igualmente, a análise crítica das prácticas permite configurar a lingua como unha categoría máis en intersección nos procesos de inclusión-exclusión social. En combinación coas metodoloxías participativas, a antropoloxía abre a porta ao desenvolvemento de accións de apoderamento dos falantes tradicionais e o xurdimento de novos perfís mediante programas de activación das competencias lingüísticas e, en xeral, á dinamización lingüística na sociedade. Por último, a antropoloxía pode contribuír coa súa perspectiva ao deseño de políticas lingüísticas culturalmente responsables e socialmente efectivas, que constitúan oportunidades de futuro para a nosa lingua e os seus falantes.

Ante esta situación crítica, a antropoloxía galega está chamada a contribuír proactivamente á reversión da tendencia, combinando a investigación etnográfica rigorosa co deseño de estratexias efectivas de acción comunitaria. Por iso, o VIII Congreso da AGANTRO, organizado en colaboración co Instituto da Lingua Galega, estará dedicado a reflexionar sobre o noso papel fronte a emerxencia lingüística.


Información práctica

Data: venres, 6 de xuño de 2025
Horario: 10:30 – 19:00
Local: Instituto da Lingua Galega (ILG), Praza da Universidade, 4 | Santiago de Compostela


Envío de propostas

Serán benvidas tanto presentacións que xiren en torno ao tema principal do encontro como aquelas que mostren os distintos temas e percorridos que teñen desenvolvido xs nosxs socixs.

Para presentar unha comunicación:

  1. Inscríbete no formulario de inscrición: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScvVijMapSElhK49sHqS3925xLTU2bQhvne7VgNnQ5cs6eASg/viewform?usp=sharing
  2. Achega no formulario:
    • Título da comunicación
    • Nome e apelidos
    • Institución de procedencia
    • Resumo dun máximo de 300 palabras

Para que o encontro sexa áxil e poidamos acoller o maior número de propostas posibles, as comunicacións terán un tempo de exposición máximo de 6 minutos cada una, seguidas de tempo para perguntas.

Prazo límite de presentación: 5 de maio de 2025

IMPORTANTE: Para presentar comunicación ou recibir certificado de participación debes ser ou facerte socix de AGANTRO. Consulta os pasos para facerte socix na seguinte ligazón: https://agantro.org/asociate

Agradecémosche o teu interese e animámoste a participar neste importante encontro para o futuro da nosa lingua e da antropoloxía galega. Non dubides en contactar con nós para calquera consulta adicional.