Novas ferramentas para facer antropoloxía hoxe IV
A AGANTRO, en colaboración co Museo do Pobo Galego e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, organiza catro obradoiros que se van desenvolver os días 2, 9, 16 e 23 de outubro de 2026, de forma presencial, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), en horario de 17 a 20h.
Estes catro obradoiros, de 3 horas de duración, exploran como as prácticas creativas poden articularse como ferramentas rigorosas de investigación que atenden simultaneamente ás dimensións epistemolóxicas, éticas e políticas do traballo antropolóxico.
A través de exercicios prácticos e reflexión situada, os participantes experimentarán con aproximacións que privilexian a colaboración, a multisensorialidade e a apertura a formatos alternativos de rexistro, análise e comunicación.
O ciclo ten fin práctico e mostra casos concretos froito da investigación antropolóxica e do traballo de campo das persoas docentes, de xeito que se ofrezan diferentes modelos e exemplos de intervención, ou de achegamento a este campo de estudo, que poidan servir de inspiración ou guía ás persoas asistentes.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir aos seminarios. Os obradoiros serán impartidos de xeito presencial, no Museo do Pobo Galego, en horario de 17 a 20h.
Co apoio de:

Para máis información: agantro@gmail.com
Programa
As persoas participantes aprenderán a deseñar e implementar proxectos que sitúan a cámara nas mans das comunidades estudadas, transformando as persoas investigadas en coprodutoras de coñecemento. A través de exercicios prácticos e análise de casos, abordaremos as dimensións éticas, metodolóxicas e políticas destas aproximacións visuais, así como estratexias para a devolución e circulación dos materiais producidos de forma colaborativa.
- Horario: 17h-20h.
- Docente: Keina Espiñeira é investigadora en migracións e especialista na intersección entre arte e política para analizar o impacto das políticas de mobilidade humana nas percepcións, os imaxinarios e a reconstrución de identidades. Os seus proxectos de investigación-creación, que integran metodoloxías audiovisuais combinando a análise académica coa expresión artística, foron exhibidos en museos internacionais e festivais de cine.
As persoas participantes explorarán ferramentas visuais e creativas para achegarse á cidade desde unha perspectiva multiespecie, con especial atención ás plantas que a habitan. A través da análise de casos e de exercicios prácticos con fotografía, deseño analóxico e dixital ou artefactos como postais, cartas, xogos, fanzines e outras composicións, reflexionaremos sobre as posibilidades destes recursos para estimular a atención, revelar relacións e procesos de cambio e construír relatos alternativos sobre o espazo urbano. Abordaremos tamén a relación entre texto, imaxe e outros formatos, falaremos sobre formas de organizar o traballo de campo e exploraremos como estas prácticas poden axudarnos a percibir e interpretar as relacións entre o humano e o máis que humano na cidade.
- Horario: 17h-20h
- Docente: Noel Castro Fernández é investigador predoutoral na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase no papel das tecnoloxías dixitais na produción de imaxinarios e prácticas espaciais. Os seus intereses sitúanse no cruzamento entre a comunicación, a xeografía cultural e os métodos visuais e dixitais.
A través de exercicios de cartografía sensorial, derivas colectivas, rexistros sonoros e arquivo colaborativo, as persoas participantes traballarán con dispositivos que permiten atender ás capas afectivas, materiais e conflitivas do espazo urbano. Reflexionaremos sobre como estas aproximacións nos permiten desenvolver compromisos éticos cos territorios e comunidades estudadas, así como imaxinar outras formas de habitar e transformar a cidade desde unha práctica etnográfica situada, colaborativa e atenta ás dinámicas e tensións que emerxen nas tramas urbanas.
- Horario: 17h-20h
- Docente: Iago Carro, de Ergosfera, cooperativa de persoas arquitectas que desenvolven proxectos de investigación e intervención urbana desde A Coruña. Na actualidade o seu traballo céntrase en propostas urbanísticas e estudos sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo, tanto a través da práctica profesional como de hipóteses teóricas, desde unha perspectiva crítica e compartindo os resultados como coñecemento libre en busca de experimentación e debate.
As persoas participantes aprenderán técnicas básicas de gravación, edición sonora e deseño narrativo, experimentando coas posibilidades expresivas do medio sonoro para representar voces, paisaxes acústicas e relatos etnográficos. A través de exercicios prácticos, reflexionaremos sobre as dimensións epistemolóxicas, políticas e creativas do audio como dispositivo de investigación: desde as estratexias de escoita e rexistro en campo ata as formas de montaxe, circulación e accesibilidade que configuran o pódcast como ferramenta para imaxinar audiencias diversas e modos alternativos de comunicar a investigación antropolóxica.
- Horario: 17h-20h
- Docente: Francisco Barros Fernández. Docente e musicólogo. Técnico de son, editor de pódcast.

