Pensar camiñando: traballos, identidades e territorios en transformación
IX CONGRESO AGANTRO 2026
Chamada a comunicacións
6 de xuño de 2026 | Vigo – Moaña

O Congreso AGANTRO 2026 propón este ano un formato diferente: saír á rúa, camiñar xuntas, e pensar dende o territorio. Fronte ao modelo convencional de comunicacións en sala, apostamos por un congreso peripatético, no que o propio desprazamento polo litoral se converte en parte da reflexión.
Camiñar ten unha longa tradición na práctica antropolóxica. A observación, o encontro, o percorrido e a escoita no lugar son ferramentas fundamentais do noso oficio. Este congreso quere recuperar ese xesto: poñer o corpo en movemento como condición para o pensamento, facer do paseo un espazo de intercambio científico e de comunidade disciplinar.
O percorrido pola ría servirá de fío condutor para abordar algúns dos grandes temas que atravesan a antropoloxía contemporánea: os traballos e as economías en transformación, as identidades ligadas ao territorio e ao mar, os procesos de cambio ambiental, a xentrificación e o turismo, as loitas polo patrimonio e pola memoria, as reivindicacións ecofeministas ligadas coa contorna… Territorios como os que percorreremos son laboratorios vivos destas tensións: espazos onde o pasado de expolio industrial convive cun presente fráxil e complexo.
Convidamos a todas as socias e socios a participar con comunicacións breves, sen apoio audiovisual, pensadas para ser presentadas ao aire libre, en diálogo coa contorna. A idea semella sinxela: parar, coller o barco, escoitar, camiñar de vagar, pensar…
O percorrido
Saída pola mañá desde a Estación Marítima de Vigo ás 10:30 h, travesía en barco de liña pola ría, cunha introdución guiada sobre o patrimonio conserveiro e pesqueiro do litoral. O congreso desenvolverase a pé, con paradas no propio territorio. O traxecto polo Camiño Real de Moaña é bastante chan, aínda que ten un pequeno desnivel. Recomendamos calzado cómodo.
Pola tarde celebrarase a Asemblea Xeral Ordinaria de AGANTRO, coa saída de regreso desde Moaña prevista para as 19 h. En caso de mal tempo, a organización habilitará un espazo alternativo para o desenvolvemento das xornadas.
Comunicacións
Admitimos comunicacións breves (8-10 min) sen apoio audiovisual, que se presentarán nas paradas do roteiro. Animamos a explorar outros recursos expositivos adaptados ao formato itinerante: obxectos, materiais impresos, entregables ou calquera soporte que poida compartirse e transportarse con facilidade. Os eixes temáticos orientativos son:
- Traballos e economías do mar
- Identidades, comunidade e territorio costeiro
- Marisqueo e pesca: saberes e transformacións
- Medio ambiente e cambio climático
- Xentrificación, turismo e patrimonialización
- Ecofeminismos no territorio
As propostas non teñen por que axustarse estritamente a estes eixes: son un punto de partida para a conversa.
Como participar
Envía un título e un breve resumo (máx. 300 palabras) a través do seguinte formulário: https://forms.gle/UcksUPzCdcKTLmjbA
++ Data límite: 8 de maio de 2026 ++
A participación no congreso é aberta a todas as socias e socios ao corrente da cota.
Programa e inscrición de asistentes
O programa provisional será publicado a mediados de maio. As inscricións para participar no congreso sen presentar comunicación abriranse tamén a mediados de maio.
Comité organizador
Iria Vázquez Silva (UVigo)
Sergio Pereira Ibáñez (NOSO Cooperativa)
Ana María Durán Penabad (UVigo)
Paula Sánchez-Carrera (INCIPIT, CSIC)
Comité cientifico
José Antonio Cortés Vázquez (UDC)
Bibiana Martínez Álvarez (USC)
Diego Allen Perkins (USC)
Iñigo Sánchez Fuarros (INCIPIT, CSIC)
Gabino Vázquez Grandío (ILG-USC)

Deixa unha resposta