O coronavirus cambiou o mundo case dun día para outro. A pandemia afecta a todas e cada unhas das persoas que habitamos o planeta. Para entender como e en que grao, o primeiro é botar a ollada sobre o que temos máis próximo, e achegarnos ao relato en primeira persoa e das transformacións na vida cotiá dos nosos e das nosas concidadás nesta situación inédita. E isto é o que buscamos en AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía) xunto co Museo Etnolóxico de Ribadavia, con esta proposta. Como antropólogas o noso obxectivo con esta actividade é facer un repositorio de autoetnografías de urxencia, un retrato do presente desta crise, preguntándovos polo voso día a día neste contexto e que nos faledes sobre o que sentides e o que opinades ao respecto do que está a pasar, das medidas de excepción, do distanciamento, da redución da mobilidade e do confinamento.
Para facilitar a tarefa provemos un guión cunha serie de cuestións que nos parecen importantes. Non hai por que contestar a todas nin facelo de maneira exhaustiva.
COMO FACELO?
- Primeiro escribe ou grava (en audio ou vídeo) a túa autoetnografía axudándote deste guión.
- Non é obrigado identificarse con nomes, apelidos ou enderezos.
- Para a gravación, tanto en audio como en vídeo, procura un espazo sen barullo para que se escoite ben. Calquera formato de arquivo é válido, .mp3, .mp4, .mov…
- Para a gravación en vídeo, pon a cámara en horizontal e se podes grava con luz natural evitando o contraluz, que a fonte de luz non estea detrás de ti.
- Por mor das condicións da canle de YouTube e para un mellor manexo dos arquivos, os vídeos non deben superar os dez minutos. Se necesitades máis tempo, é mellor que fagades dúas, tres, ou as gravacións que consideredes.
Podedes subir os arquivos de vídeo directamente á nosa canle de YouTube Etnografías Confinadas Agantro.
Os escritos e audios podes envialos ao enderezo de correo etnografiasconfinadas@gmail.com Se pesa moito podedes usar un transfer (We Transfer, por exemplo) que tamén pode servir, se o preferides, para envíar arquivos de vídeo.
Ao facer este cuestionario e participar no proxecto permites que as túas respostas sexan usadas co fin de recompilar información para a súa análise en estudos sociais. Cumprindo co Regulamento de Protección de Datos que considera a imaxe e a voz como datos de carácter persoal e polo tanto suxeitos a protección. Necesitamos o teu consentimento (versión ODT | DOCX | PDF). Ademais pódesnos indicar a túa disposición ou non, a que esa gravación ou partes dela, poida ser usada con fins de divulgación do proxecto en medios de comunicación ou redes sociais.
Todos os datos recollidos van ser só usados para este estudo. Podedes pasarlla a quen queirades e mesmo, no caso de persoas que non fagan uso das tecnoloxías ou non poidan/non queiran escribir, facer vós de etnógrafos e etnógrafas, e realizar e gravar a entrevista.
Se queredes ter máis información sobre AGANTRO podedes entrar aquí ou atoparnos no Facebook https://www.facebook.com/AGANTRO/.
Tamén nos podedes escribir a etnografiasconfinadas@gmail.com